O mércores, 25 de abril, ás 20.00 h, na Casa da Cultura de Redondela, o profesor e músico Moisés Quintas Suárez presentará a "Guía didáctica de instrumentos galegos".
Esta publicación, editada por Ouvirmos, é o compendio do seu traballo como investigador e pedagogo. Trátase dun libro-CD que presenta unha exhaustiva clasificación e descrición dos instrumentos galegos, coa súa orixe, evolución, etimoloxía e composición, que se converte nunha práctica ferramenta de apoio para o coñecemento e ensino da música galega, ilustrada con máis de 100 fotografías e acompañada de 40 pistas de audio que reproducen o son de todos os instrumentos. O seu autor presentará este traballo e achegaranos á nosa tradición musical, facendo un percorrido polas distintas familias instrumentais e a riqueza sonora da nosa tradición.
Amenizarán a xornada "Os Chavellos de Pereiras", un grupo de zanfonas e música tradicional integrado por persoas da bisbarra. Este grupo conta con integrantes de Pereiras (Mos), Vigo, Chapela e Matamá, e achegarannos o son das zanfonas, acordeóns, gaitas, percusión e voces.
No hay comentarios:
Publicar un comentario