domingo, 10 de junio de 2012

Gañadores dos premios Xerais 2012

Os gañadores desta edición, coa paisaxe da Ponte de Rande de fondo
(Fonte Galicia 24 horas)
Onte sábado, e na nosa flamante Illa de San Simón como escenario, falláronse dous dos premios máis prestixiosos da literatura galega actual: os premios Xerais de Novela e Merlín de Literatura Infantil e Xuvenil. Os gañadores erixíronse de entre os tres finalistas que, por cada unha das categorías, xa foran seleccionados  na xuntanza do Castelo de Soutomaior o pasado 1 de Xuño.

O Premio Xerais de Novela 2012 foi concedido a Manuel e María Lorenzo (pai e filla) polo seu texto "Tonas de laranxa", presentada baixo o lema Pouso da Arcai, que "engaiolou ao xurado polo sensitivo perfume a laranxa desta obra na que o lírico, o onírico e o simbólico conxúganse de forma maxistral para dar lugar a unha novela fermosa».
Manuel e María Lorenzo, recibindo o premio 
(Fonte: Praza Pública)
En palabras do xurado "A partir da recreación dun espazo imaxinario, marabilloso, que rende homenaxe á narrativa de Álvaro Cunqueiro, no lugar de Moreira, que é onde se desenvolve esta historia, vanse tecendo as vidas, por veces insólitas, de moitos personaxes curiosos, fabulosos, entrañables, que se introducen coma po nas nosas vidas e estimulan os nosos sentidos para crear unha atmósfera intemporal, sutil e poderosa ao tempo" dende unha escrita cargada de "beleza"".


 O XXVII Premio Merlín de Literatura Infantil e Xuvenil recaeu "por unanimidade" no escritor Marcos Calveiro, pola súa obra "Palabras de auga"
Marcos Calveiro recibindo o seu galardón 
(Fonte: Praza Pública)
 Segundo referiu o xurado sobre esta "aventura iniciática" de Amadou, un rapaz suahili, "os pulmóns de África respiran nas follas deste libro coa forza de todo o continente. A inclemencia do sol, a busca desesperada da auga, a sorte do alimento… E as mulleres, pedra angular das tribus africanas, e que nesta obra representan o sólido capaz sobre o cal descansa toda responsabilidade da supervivencia".

Dámoslles a nosa noraboa aos premiados.


Publicar un comentario