lunes, 30 de julio de 2012

Os rapaces do obradoiro Verán con Simona de Chapela, reciben un agasallo da biblioteca

Os rapaces e rapazas do obradoiro reciben á Coca Simona
Ata 30 cativos e cativas de Chapela levan todo este mes de Xullo gozando dunhas xornadas continuadas de lecer, aprendizaxe e moita diversión, dentro do programa Verán con Simona, organizado pola Concellería de Servizos Sociais e Igualdade do Concello, e a cargo das estupendas monitoras Begoña e mais Nazareth. Dentro desta actividade matinal, pensada para o lecer dos pequenos e mais para a conciliación familiar dos seus pais e nais, os rapaces fan xogos, fermosos traballos manuais e aprenden a facer xoguetes e obxectos diversos con materiais reciclados.

Despois de recibir á Banda de Música Xuvenil de Chapela para que lles aprenderan as diferentes familias dos insturmentos e mais o seu son, a pasada semana achegouse a visitalos a mesmísima Coca Simona. Este personaxe, creado polo noso benquerido ilustrador Pepe Carreiro, veu a coñecer os traballos destes rapaces, e a agasallarlles cunhas fermosas camisetas nas que a nosa amiga aparece belamente retratada.
  
 A Biblioteca de Chapela, en apoio da actividade, e co interese de fomentar nestes rapaces o interese pola lectura, vén de convidar a todos estes rapaces a facerse socios da biblioteca e a propoñerlles a lectura como unha afección a cultivar durante os días longos do verán. Deste xeito, agasallou tamén a cada un dos cativos cunha bolsa especial da biblioteca.
Os rapaces reciben a bolsa da biblioteca

  Como non podía ser doutro xeito, a nosa bolsa especial para o préstamo de libros está ilustrada coa imaxe da Coca Simona que, desta vez, foi retratada no acto de ler un conto sobre o noso amigo Leolo.
Esta é a nosa nova bolsa da biblioteca, coa Coca Simona e mais Leolo, dentro dun libro
Dentro da bolsa da biblioteca os rapaces puderon atopar un  divertido e formativo libro protagonizado por Os Bolechas; personaxes, como non, creados polo mesmo autor e ilustrador Pepe Carreiro, ao que lle debemos o deseño das mesmas bolsas.

Non é un agasallo fermoso para achegarse á lectura nestes días de verán? Animádevos, rapaces, que mañá é o último día para levar o voso préstamo especial de vacacións!....

Que pasedes un bo verán coa lectura... 
Boas vacacións!

No hay comentarios: