lunes, 8 de octubre de 2012

Club de lectura de adultos en Chapela... protexendo aos reiseñores


 
De volta, e xa metidos nesta nova etapa do Club de lectura, achegámonos a un dos grandes clásicos literarios do século XX. Unha deliciosa novela, convertida tamén en éxito cinematográfico tan só dous anos despóis da súa publicación.
Portada da primeira edición, de 1960
"Matar a un ruiseñor" é un libro que se le case do tirón, que nos atrapa e, sen darnos tregua, nos proporciona momentos moi pracenteiros de tenrura, ledicia, humor, e de toda unha serie de evocacións infantiles coas que máis dun nos sentiremos moi identificados. Doutra banda, é un espello onde se recollen interesantes reflexións éticas, morais e ideolóxicas de grande importancia no seu momento, pero que pola súa universalidade, trascenden fronteiras espaciais e temporais.

A novela recolle as claves do paso da infancia á madurez de dous rapaces, dende os seus inocentes xogos infantiles ata a toma de conciencia sobre a inxustiza e as desigualdades na sociedade na que viven; dende os seus inxenuos desafíos frente as lendas populares, ata a comprensión de que non se pode xulgar ás persoas sen ser antes quen de poñerse no seu lugar.
 Nese crecemento dos rapaces terá un papel principal o que ven a ser o protagonista da historia, Atticus Finch, o pai dos cativos. Na súa condición de avogado comprometido e de pai viúvo que saca adiante aos seus fillos, Atticus lles dará en todo momento leccións imprescindibles de actitudes cara a vida. Del aprenderán que non é máis valente quen mellor dispara ou quen mellor pelexa, senon quen con serenidade, sensatez e sentido do deber é quen de defender o que cre xusto aínda que lle teña que facer fronte aos prexuízos sociais e a opinión da maioría.
Entre páxina e páxina pasan as estacións, e os xogos do verán dan lugar ao ambiente escolar no inverno. Os recordos infantiles sitúanos a realidade social na que viven os protagonistas, habitantes dun pobo sureño durante os anos da Gran Depresión. A pobreza, a escasez, a ignorancia ou a falla de oportunidades percíbense en moitas escenas aparentemente anecdóticas. Trátase de hábiles pinceladas que nos contextualizan a realidade do entorno, e que nos preparan para entender de que xeito ese pobo, Maycomb, onde "la gente se movía despacio" porque "nadie tenía prisa, porque no había adonde ir, nada que comprar, ni dinero con qué comprarlo" acolleu un xuízo a un home de cor por unha ben pouco sostible, acusación de violación.

É intersante a estrutura circular da novela, e tamén a visión da cativa, Scout, no último capítulo, que resume todos os acontecementos dos seus últimos anos a través da visión da comprensión adulta: "Mientras regresaba a casa pensé que Jem y yo llegaríamos a mayores, pero que ya no podíamos aprender ya muchas cosas más".
A autora da novela: Harper Lee
A novela foi escrita en clave eminentemente autobiográfica pola escritora Harper Lee no ano 1960. No mesmo  momento da súa publicación tivo un fulgurante éxito, que lle fixo merecedora do Premio Pulitzer e de acadar unha grande notoriedade. Só dous anos despois da súa publicación a novela foi levada ao cinema, da man do produtor Alan J. Pakula e do realizador Robert Mulligan.

Protagonizada por un soberbio Gregory Peck, xusto gañador do Oscar da academia por este papel, a película constitúe un dos referentes da historia do cinema americano.
Para maior ledicia nosa, nesta xuntanza pudemos achegarnos ao libro e mais ao filme. Ambos se poden pedir prestados na biblioteca, polo que aconsellamos a todos os que se sintan tentados a achegarse a estas dúas obras mestras do século XX que pidan o seu préstamo.

E, falando do filme, velaquí vos achegamos unha das escenas máis interesantes e representativas. Agardamos que vos guste tanto como a nós:




No hay comentarios: