sábado, 22 de diciembre de 2012

Presentación do libro "A noite do Apalpador" na Biblioteca de Chapela


Este venres Chapela gozou coa presentación do libro do momento, o libro que durante o Nadal todos os galegos gozaremos coa súa lectura: "A noite do Apalpador".
 
Fotografía de Andrés C. Laxe
A presentación tivo lugar onte na Biblioteca de Chapela, e acolleu a multitude de nenos e adultos da nosa contorna, interesados pola publicación deste poema, xa coñecido por moitos, dado que fora escrito hai uns poucos anos polo noso conveciño e amigo, Xurxo Valcárcel


Á presentación asistiron o antedito autor do poema, Xurxo Valcárcel, e mais o ilustrador, Pepe Carreiro, que foron introducidos polo concelleiro de Cultura, Alberto Pazos
Fotografía de Andrés C. Laxe

Xurxo Valcárcel presenta o libro.
[Foto de Jorge Santomé para Faro de Vigo]



Xurxo Valcárcel nos fala da lenda do Apalpador e das tradicións do Courel
Pepe Carreiro debuxa ao Apalpador
O poema, que a ritmo de canto de berce recolle as andanzas deste mítico personaxe do Courel, converteuse, grazas ás deliciosas ilustracións de Pepe Carreiro, e á labor editorial imprescindible de Campo das Redes e mais do Concello de Redondela, nun libro fermosísimo, do que onte pudemos sentirnos orgullosos todos os redondeláns.
 
 Para durmir aos nenos, para soñar con ese inverno das montañas de Galicia, para evocar o tempo ledo da ilusión no solsticio de inverno, pero, sobre todo, para coñecer unha tradición popular das moitas que enriquecen o patrimonio inmaterial galego, A noite do Apalpador, sen dúbida, é un libro imprescindible e irrepetible. Por iso, todos os asistentes que participaron onte en dar esa calorosa acollida á publicación, regresaron ás súas casas co libro como agasallo.

E un agasallo como este é máis bonito se vai acompañado do cariño e a adicación dos seus autores: Xurxo e Pepe fixeron mostra da súa xenerosidade asinando os libros de multitude de seguedores interesados pola publicación.
Pepe Carreiro asina libros a rapaces e adultos













Xurxo Valcárcel asinando libros

 O acto e mais o agasallo dos libros foron, sen dúbida, un xeito moi fermoso de festexar o Nadal. Con el a Biblioteca de Chapela deséxavos a todos unha moi boa celebración destas festas.


Faro de Vigo xa se fixo eco da nova: PODEDES VELA AQUÍ.

Os nosos amigos da Biblioteca de Pazos de Borbén tamén nos acompañaron neste acto. Agradecémoslles moito a súa presencia, e tamén a referencia á actividade no seu blog.
Publicar un comentario