domingo, 3 de febrero de 2013

Manel Loureiro cos clubs de lectura de adultos das bibliotecas




O pasado venres 1 de Febreiro a INVASIÓN ZOMBIE chegou a Redondela. 

O prometido era débeda, e o escritor pontevedrés Manel Loureiro achegouse á Biblioteca de Redondela, que para a ocasión se convertera nun PUNTO SEGURO, para conversar cos dous clubs de lectura: Redondela e Chapela, sobre o éxito de  "Apocalipsis Z", a súa primeira novela.

A Sala Infantil da biblioteca converteuse para a ocasión nun "Punto seguro"


 As nosas bibliotecarias, por un día, foron transformadas en zombies

A reunn resultou cálida e moi divertida, facendo que o tempo con Manel se nos fixo moi moi curto, deixándonos con ganas de moito máis.

Manel nos deu detalles sobre a súa novela: como lle xurdiu a idea, como comezou a escribir no seu blog toda esta historia  de zombies, a pesares de que el non é un fan deste xénero; e como, pouco a pouco, comezou a ter unha cada vez máis ampla difusión.

Riquísimas e noxentas viandas para degustar durante a xuntanza

Manel Loureiro chega á xuntanza e atopa a unhas bibliotecarias zombies que o reciben
 En pouco tempo, os lectores do seu blog se foron multiplicando dun xeito exponencial, e a historia da hecatombe zombie nas Rías Baixas chegou a lectores de todo o mundo.

Manel nos falou de por que quiso que o protagonista da súa historia fora un avogado, ou por que o gato, Lúculo, pasou de ser un secundario a converterse nun personaxe esencial da historia. En casos de escrita coma a súa, a través dun blog, a interacción cos lectores é fundamental, e condiciona e modifica os patróns de escritura dos autores.

Asimesmo nos contou moitas anécdotas. A navegación a vela, as armas, ou detalles como a instalación de paneis solares, había aspectos moi específicos que precisaban de coñecementos por parte do escritor... O certo é que se foi atopando con que non sempre acertou nos detalles, pero que foi divertido ver como lectores dos lugares máis dispares do mundo se amosaban interesados en apuntarlle correccións aos detalles máis insospeitados.

O protagonista da novela emerxeu durante a velada, armado co seu arpón

 Pero tamén se atreveu a falarnos de narratoloxía: arquetipos de personaxes, xeitos de resolver as tramas... que coinciden ás veces nas narracións aparentemente máis dispares. Dentro delas, a do seu protagonista é unha historia do "camiño do heroe", onde unha persoa normal e corrente, movido por circunstancias, se enfronta ás dificultades para, sen querelo e sen sabelo, chegar a ser un heroe.
 
O propio escritor bebe da súa menciña: recibe un susto provocado por tanta eshibición de vísceras
  
Manel tamén confesou o seu medo en enfrontarse ás opinións dos lectores dun club como o noso. O certo é que, nas nosas xuntanzas as críticas positivas e negativas se discuten por igual, con total liberdade. Nesta ocasión, coma noutras, tocamos o libro dende moitos puntos de vista, de xeito que a conversa non se mantivo ao marxe de discrepancias.


 O escritor asina exemplares do seu libro ao rematar a sesión

 Por último, Manel nos confirmou que, despóis da versión en comic, a versión cinematográfica da novela comezará agora o seu camiño. E, case xa sen tempo, nos adiantou a trama da súa próxima novela, que sairá ás librerías da man de Planeta.

O heroe da novela, acompañado dun zombie e, como non, do seu querido gato, Lúculo   

Ao marxe da presentación, dende as bibliotecas ideamos facerlle unha pequena broma ao escritor. A  xeito de performance, representamos a chegada do protagonista, cargado co seu arpón e acompañado do gato Lúculo, ao punto seguro, xa infestado de zombies. Dende logo que tanto o escritor como os asistentes á xuntanza, se sorprenderon e, sobre todo, se divertiron con este xogo que nos suxeriu Marcos, do club de Chapela.

Tamén se fixo moitas fotos
A despedida estivo acompañada por firmas de exemplares do seu libro, que trouxeron algúns dos asistentes, e tamén de moitas fotografías. Agradecemos a Roberto as fotos que acompañan a este blog.
Publicar un comentario