viernes, 26 de abril de 2013

Arrebatadora Rosalía de Castro na Biblioteca de Chapela

Este xoves gozamos na Biblioteca de Chapela dun momento máxico, intenso e arrebatador, con Ana Hermida, unha excelente condutora das nosas sensacións, e unha incomparable recitadora de Rosalía de Castro.


A través de versos, pero tamén daqueles textos en prosa, menos coñecidos dentro da obra rosaliana, a nosa intérprete nos achegou unha faceta bastante diferente da poeta de Padrón. O humor, a retranca, a carraxe, a reivindicación ante as inxustizas, e un marcado feminismo no seu pensamento.
Unha Rosalía forte e paixoal, e unha Rosalía tamén irónica cos costumes do seu tempo, facetas que moitos apenas coñeciamos.

Ana Hermida, caracterizada como Rosalía de Castro, interpretou á poeta, falándonos do seu sentir hacia o teatro, da súa atracción polos versos, e das dificultades de querer escribir no seu tempo sendo muller.


Con "A estrela perdida do teatro", de Miguel Anxo Fernán-Vello, comezou o recitado, aludindo á vocación teatreira de Rosalía.

Continuou con poemas das diferentes obras de Rosalía
 "San Antonio Bendito" ou o fermoso poema cantado "Hora meu meniño hora", de Cantares Gallegos
E tamén: "Vaguedás", "Decides que o matrimonio", "Tanto e tanto nos odiamos", "Xan", "Calade!", "Brancas virxes de cándidos rostros", "Ti onte, mañán eu", "Ladraban contra min que camiñaba", "A xustiza pola man", de Follas Novas.

Dende o máis humorístico e irónico ata o máis tenro, e lírico, pasando polo reivindicativo feminista e de defensa da súa terra. Ana Hermida nos fixo vibrar co seu recitado e coa musicación vocal dos poemas.
 Rematou co ton máis intenso e dramático, neste caso, co poema que daba nome a este recital: Tecín soia a miña tea, onde nos fala da soidade da muller, que nada pode esperar do home que non chega.
Pola súa forza e intensidade, deixámosvolo aquí para que o gocedes:

Tecín soia a miña tea,
sembrei soia o meu nabal,
soia vou por leña ó monte,
soia a vexo arder no lar.
Nin na fonte nin no prado,
así morra coa carrax,
el non ha de virm'a erguer,
el xa non me pousará.
¡Que tristeza! O vento soa,
canta o grilo ó seu compás...
Ferve o pote... mais, meu caldo,
soíña t'hei de cear.
Cala, rula, os teus arrulos
ganas de morrer me dan;
cala, grilo, que si cantas,
sinto negras soïdás.
O meu homiño perdeuse,
ninguén sabe en onde vai...
Anduriña que pasache
con el as ondas do mar;
anduriña, voa, voa,
ven e dime ond'está.
 

Rosalía de Castro (1993). Follas Novas. (Vigo: Galaxia)

A actividade realizouse dentro da programación da V Semana do Libro, elaborada conxuntamente polas bibliotecas municipais e o Servizo de Normalización do Concello de Redondela; e grazas, tamén, á participación do programa Ler Conta Moito, promovido pola Consellería de Cultura da Xunta de Galicia.

Aquí podedes ver o noso centro de interese bibliográfico, con libros de Rosalía de Castro da nosa biblioteca.
Publicar un comentario