lunes, 21 de abril de 2014

Presentación do cómic "Vida de nai" na Biblioteca de Chapela, coa súa autora, Gemma Sesar

A editora Gemma Sesar, corresponsable do anovador proxecto El Patito Editorial, achegarase  á Biblioteca de Chapela o vindeiro MARTES 29 DE ABRIL ás 20:00 h., para presentar o comic da súa autoría Vida de nai.
A autora, Gemma Sesar
O texto do mesmo xurdiu dun blog homónimo que a mesma autora comezou a escribir no ano 2010, como un xeito de liberación ou catarse ante o caos que supuña na súa vida compatibilizar a faceta de nai coa de empresaria en tempos difíciles, e forma parte do proxecto Canal Madre, da mesma editorial, onde se enfocan diferentes perspectivas sobre a maternidade.
Unha páxina do cómic "Vida de nai"

O día a día, a realidade dos pais e, sobre todo, das nais de hoxe, que teñen que facer óco ao seu novo rol a base de renunciar a moitos aspectos da súa vida íntima e persoal; os sentimentos frustrantes e negativos e, en xeral, a dificultade coas que se ven os pais primeirizos son temas que se abordan con especial sensibilidade nesta obra.

O debuxante Ramón Marcos fai as ilustracións, mentres que Jorge Castelli, é quen aplica a cor do cómic.

Sobre esta publicación, pero tamén sobre o papel da muller traballadora na sociedade de hoxe, sobre a conciliación laboral e familiar... falaremos o vindeiro martes. 

Estades todos e todas convidados. A entrada é libre e gratuita. Contaremos cun espazo de venda, para que os interesados podan adquirir o libro e levalo asinado para a casa.

A presentación encádrase dentro das actividades da VI Semana do Libro: A Festa das Palabras, que estamos a celebrar durante todo este mes as Bibliotecas Municipais de Redondela e mais o Servizo de Normalización Lingüística do Concello.