jueves, 1 de mayo de 2014

"Vida de nai", Gemma Sesar pecha a VI Semana do Libro: A Festa das Palabras na Biblioteca de Chapela

Este martes pechamos a VI Semana do Libro: A Festa das Palabras na Biblioteca de Chapela. Desta vez, cunha proposta de banda deseñada: o cómic "Vida de nai", que foi presentado por Gemma Sesar, a súa autora.

Gemma Sesar
Gemma Sesar falounos sobre como foi ideado este cómic, sobre a súa visión do papel da nai hoxe en día e sobre o seu concepto de crianza dos fillos. 
A idea naceu previamente nun blog. Nel a autora comezou a escribir ao pouco de converterse en nai por segunda vez, como un xeito de rirse da súa dificultade de afrontar a vida cos nenos. Este xogo de ocio e de traballo se converteu ao pouco tempo nun proxecto máis sólido, co que, dende a súa editorial, decidiron afrontalo como un documental sobre a maternidade, ao que puxeron como título Unha hora curta e, asimesmo, nun cómic, Vida de nai: o inverno do que está a piques de editarse unha segunda parte.
 

Pero asimesmo, Gemma Sesar é a editora da xa prestixiosa El Patito Editorial, polo que tamén nos achegou as orixes e o descorrer deste proxecto, levado á par entre ela e mais a súa parella: Fausto Isorna.

Entre anécdotas e as narracións de Gemma, tamén tiveron protagonismo os comentarios das persoas do público, maiormente feminino, que se achegaron á biblioteca para compartir esta experiencia. 

Houbo espazo para o debate, e a diversidade nos puntos de vista, e finalmente para a adquisición de exemplares por parte das persoas interesadas, e tamén para asinar os exemplares por parte da autora.

A actividade realizouse dentro da VI Semana do libro: A Festa das Palabras, grazas á colaboración das Bibliotecas municipais de Redondela co Servizo de Normalización Lingüística do Concello.
Gemma Sesar coas bibliotecarias de Redondela
Preparando a actividade, con María da librería Mandamamá e César, do Multiusos de Chapela
Agradecemos a Gemma e mais a todos e todas as presentes a súa participación e aledámonos de que a actividade fose tan entrañable e exitosa. 
Publicar un comentario