viernes, 27 de febrero de 2015

Xuntanzas de Febreiro nos Clubs de lectura

http://chocosylectores.blogspot.com.es/2014/12/enero-febrero.html
Cantas caras ten unha realidade? O club de lectura de Redondela visitou, virtualmente, París, que, con todo, non se mostraba esta vez como a cidade da luz, senón como un espazo de sombras, brumas e incertezas. A identidade dun home, a identidade de todos eles perdeuse nos desaugadoiros da guerra e Patrick Modiano na súa Calle de las tiendas oscuras convídanos a acompañar ao seu personaxe nun percorrido que comezará na capital de Francia pero que alcanzará outros destinos, a procura da memoria e o propio sentido do ser humano.
  A reunión resultou controvertida: unha facción dos asistentes apreciou o estilo experimental e o tortuoso camiño do protagonista, outro subgrupo non terminou de conectar co estilo particular do último premio Nobel. No que houbo unanimidade inapelable é que as reunións con algo que picar son máis doces!

Doutra banda o club de lectura de Chapela achegouse desta vez á forza e á resistencia de Stoner, o protagonista da magnífica novela do norteamericano John Williams, e que ven de ser dende este pasado luns o noso profesor universitario preferido. A maior parte dos participantes coincidiron en que a novela gañaba ao superar os primeiros capítulos, e a experiencia dun libro con tan bo contido resultou placentera e gratificante.


Pero a xuntanza de Chapela tivo outro protagonista ademáis de Stoner e a súa vida familiar e universitaria, que foron as dúas compañeiras que cumpriron anos ese 23F, María e mais Mª José, a bibliotecaria. Elas convidaron a todos os participantes a doces, pasteis e outras ricas viandas. Felicidades ás compañeiras!

No hay comentarios: