lunes, 27 de abril de 2015

O PREMIO BLANCO AMOR 2014 PECHA A VII SEMANA DO LIBRO

Fran P. Lorenzo, autor de Cabalos e lobos, a novela gañadora da XXXII edición do Premio Blanco Amor, presenta a súa obra o vindeiro mércores 29 de abril, ás 20.00 h, na sala II do multiúsos da Xunqueira, dentro da programación da VII Semana do libro, a festa das palabras, que organizan as Bibliotecas de Redondela e o Servizo de Normalización Lingüística. Acompañarao Manuel Bragado, director de Edicións Xerais de Galicia.

O xurado desta XXXII edición estivo formado por Camiño Noia, Olivia Rodríguez, Xosé Antón Palacio e Xosé Luís Franco Grande, que decidiron outorgar o premio, por unanimidade, á novela Cabalos e lobos, entre máis de corenta obras presentadas.
Este galardón literario, que premia unha novela longa en lingua galega, convocouse por primeira vez no ano 1981 por iniciativa do Concello de Redondela, co obxectivo de render homenaxe a unha das grandes figuras da literatura do noso país: Eduardo Blanco Amor. A organización do premio, convocado polos concellos e as deputacións galegas, vai rotando cada ano polos diferentes concellos participantes, e nesta edición a organización recaeu novamente no Concello de Redondela.

O xornalista vigués, Fran P. Lorenzo achéganos, na súa primeira novela, o retrato íntimo da historia dun século marcado pola guerra, o totalitarismo e a barbarie, a fotografía do combate individual dos seus protagonistas para conseguir aquilo que desexan, co pano de fondo da cidade de Vigo.

A protagonista, Paula, descobre a súa orixe descoñecida, emparentada cunha familia de empresarios alemáns asentados no porto vigués a finais da I Guerra Mundial, e a sucesión de mentiras e segredos que envolven a súa historia familiar.

Fran P. Lorenzo (Vigo, 1973) é xornalista, da primeira promoción de profesionais formados na universidade galega, e dedícase á información cultural nas páxinas de El Correo Gallego. Traballou para os dous diarios en lingua galega (O Correo Galego e Galicia Hoxe) e participou na fundación e posta en marcha do xornal dixital Dioivo (2012-2013). Posúe o Posgrao en xestión cultural pola Universitat Oberta de Catalunya e mantén o blog Un país en lata (www.unpaisenlata.org).

Cabalos e lobos (Xerais, 2015) a súa primeira novela, recibiu en 2014 o XXXII Premio Blanco Amor.

No hay comentarios: