viernes, 9 de septiembre de 2016

Imaxes con Fondo: exposición fotográfica e concurso co Fondo Galego de Cooperación e a Biblioteca de Chapela

O Multiúsos de Chapela inaugura hoxe a exposición fotográfica "Imaxes con Fondo", organizada polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade.

A exposición, que naceu do concurso de fotografía co mesmo nome,  pretende promover a reflexión, o pensamento crítico e un cambio de actitude dentro da nosa sociedade, por medio da palabra e a imaxe.

A mostra consiste nunha serie de fotografías que, acompañadas de textos explicativos, enviaron mozos e adultos galegos e galegas para participar o antedito concurso.



O Fondo Galego botou a andar en 2012 o concurso Imaxes con Fondo como ferramenta para promover a reflexión e un cambio de actitude na cidadanía, apostando por condutas solidarias e respectuosas coa contorna do planeta e coas persoas que nel habitan. Froito desta experiencia naceu a exposición itinerante 'Imaxes con Fondo', que recolle as mellores obras presentadas. 


  • Este ano 2016 está aberta a 3ª edición do concurso, que xira en torno á INTERCULTURALIDADE.


  • Como novidade, o concurso presenta este ano dúas seccións: fotografía e vídeo.


  • Podedes participar en dúas categorías:
          - Xuvenil: persoas de 14 a 17 anos.
          - Adultos: persoas a partir de 18 anos.

  • Entre os premios do concurso poderedes optar a unha viaxe a Mozambique, unha cámara de fotografía e vídeo ou unha cesta de produtos de comercio xusto.


  • O prazo para presentar as vosas propostas remata o 15 de Outubro. O enderezo para presentalas é imaxesconfondo@gmail.com



Lembramos, que o gañador da primeira edición do concurso (2012) na categoría de persoas adultas, Rober Amado, viaxaría a Cabo Verde para realizar unha mostra fotográfica sobre os 11 anos de traballo do Fondo Galego no arquipélago africano, exposición que xa pudemos contemplar no Multiúsos de Chapela.

O gañador na mesma categoría da segunda edición do concurso (2014), Felipe Carnotto, desprazouse a Nicaragua para facer unha mostra fotográfica, exposición que o Fondo Galego está xa exhibindo ao longo da xeografía galega.


A biblioteca de Chapela contará con este último, o fotógrafo Felipe Carnotto, que fará un obradoiro de fotografía solidaria co alumnado da Familia Profesional de Servizos á Comunidade do IES Chapela
Dito obradoiro terá lugar na mañá do vindeiro xoves 22.


Agardamos que a exposición vos guste. Animádevos tamén a participar no concurso Imaxes con Fondo deste ano! Tedes ata o 15 de Outubro!

Publicar un comentario