martes, 3 de enero de 2017

Leolo Go!, ruando por Redondela cos Amigos das Bibliotecas

Fóra Pokemon! En 2017 imponse Leolo Go! 😉

Esta mañá, na Alameda de Redondela tivo lugar a primeira actividade dos Amigos das Bibliotecas deste recén estreado 2017.

Leolo Go! ruando por Redondela cos Amigos das bibliotecas

Tratábase dun xogo de búsqueda a través do teléfono móbil por toda Redondela, seguindo o modelo do famoso Pokemon Go e coa meta final de gañar un libro. O nome do xogo remite á popular aplicación xaponesa, pero adoptando o nome de Leolo, a mascota das nosas bibliotecas municipais.


A actividade resultou formidable. Tanto a rapazada, como os seus pais e nais, como os membros desta asociación e o persoal da biblioteca que participou na mesma, todos tivemos unha impresión moi positiva. Os Amigos recibiron eloxios por parte dos participantes, e o agradecemento de seguir mantendo o roteiro virtual para repetilo en máis ocasións.

Todo un logro para esta xove e pequena asociación, pero que tanto está a traballar a favor da lectura e das nosas bibliotecas.


A parte máis interesante do xogo era a mistura entre o seu compoñente lúdico e didáctico, xa que cada unha das Leoloparadas contiña información relevante, curiosa e de interese sobre a nosa vila.


Os participantes, 16 rapaces de diferentes idades, entre 6 e 16 anos, completaron o percorrido seguindo as pistas, e acadaron cadanseu agasallo. Os pais e nais acompañantes colaboraron e axudaron en todo o momento, e ata o tempo, que hoxe estaba un pouco difícil na nosa vila, fixo unha tregua para facilitar a actividade... (a chuvia non descargou ata que todos rematamos).


En definitiva, hoxe aprendimos moito e o pasamos estupendamente. Agardamos expectantes unha nova proposta cultural dos Amigos das Bibliotecas. 



Aínda que as Leoloparadas xa non están activas no terreo, o roteiro virtual permanece. Deste xeito podedes percorrer o centro de Redondela e detervos en cada unha destas singulares estacións para, a través da aplicación móbil, consultar a información da nosa vila coa que xogamos nesta actividade. De seguro vaivos gustar!


Agradecémoslles aos Amigos das Bibliotecas esta orixinal proposta e... Parabéns polo éxito!

Velaquí un resumo videográfico desta mañá de camiñada cultural, realizado por Roberto.

No hay comentarios: