viernes, 27 de abril de 2018

Presentación do libro solidario "Elefantes de Papel" na Biblioteca de Chapela


O vindeiro venres 4 de maio teremos na Biblioteca de Chapela a presentación do libro solidario "Elefantes de Papel".

O libro é un compendio de 52 relatos curtos en galego e castelán, escritos conxuntamente por Berto Pirata e mais por María Salinas e ilustrados por Humberto Ademar Farias Igrexas.

A finalidade desta miscelánea de relatos é crear unha vaga de solidariedade. O libro vai ser presentado nun total de 50 localidades de toda Galicia (e noutros lugares da Península). Para iso, os autores doarán á asociación Conrazones da Guarda un euro das vendas de cada libro, e, a maiores, outro euro ao colectivo, ONG ou asociación da localidade onde presenten. Co recadado ao final da aventura anunciarán unha sorpresa solidaria na súa páxina de Facebook.

O proxecto inclúe tamén a visita a centros da terceira idade, de saúde mental, cárceres, etc., onde implican aos seus usuarios na teatralización dos relatos coa finalidade de que pasen un día diferente. Así mesmo organizaron charlas en colexios de primaria e institutos explicando a parte solidaria do proxecto.

O obxectivo de toda esta viaxe non é outra que tecer redes, axudar para entre todos cambiar o mundo. Sobre todo, traballando en cambiar os pequenos mundos que nos rodean.

Neste caso, os autores achegaranse á Biblioteca de Chapela da man da asociación redondelana Andaina, para a que se destinará parte dos beneficios do libro. Olga Lalín, escritora e membro da xunta directiva desta asociación, participará na presentación que se fará na Biblioteca de Chapela.

Agardámosvos o venres 4 de maio, ás 20:00 h.
Publicar un comentario