jueves, 26 de abril de 2018

Rosaura a cociñeira visitou a Biblioteca de Chapela

Esta é a parrandeira historia 
de Rosaura a cociñeira, 
que as noites de lúa chea, 
mentres os demais durmían 
elaboraba receitas ao ritmo dunha muiñeira 
enchendo de estraños cheiros 
a casa da costureira.

Onte presentouse o libro "As receitas de Rosaura" na Biblioteca de Chapela. Un libro infantil de poemas moi belamente editado por Belagua

Presentación do libro "As receitas de Rosaura"
Preme na imaxe para ver as fotografías
Rosaura é unha namorada da cociña e o libro nos presenta, a través duns animados versos, o seu traballo nos fogóns. O libro tamén nos describe en verso as súas receitas, e que están pensadas para que os rapaces e rapazas as podan facer nas súas casas.

Os trebellos, os ingredientes, as cantidades, e os procesos de elaboración están todos presentados nesta historia rimada de gastronomía e pucheiros, a través das mans dunha cociñeira desenvolta e simpática como Rosaura.

O libro foi escrito por Isabel Blanco, e ilustrado por Luz Beloso, que vai collendo cada vez máis forza no panorama da ilustración galega. 

O libro ten un fermoso booktrailer, realizado pola ilustradora, e para o que contaron coa axuda do pianista Alejo Amoedo, que interpretou para el unha peza do compositor, redondelano de adopción, Reveriano Soutullo: "En la playa".

Rosaura ten agora unha nova historia, Rosaura e o mar, novamente escrita e ilustrada polas mesmas creadoras.

Rosaura son moitas mulleres, as mulleres de Galicia, que teñen forza e deixan a súa pel aló onde traballan.

Ao rematar a presentación, fixemos un obradoiro con pais e cativos, para definir cal podería ser unha futura Rosaura. 
Saíron moitas ideas, desde enfermeiras ata astronautas, pasando por superheroínas... Agardamos poder velas nun futuro nos versos de Isabel Blanco e nos trazos e as cores de Luz Beloso.

Graciñas a todos os que participastes na actividade, e grazas ás responsables deste fermoso proxecto literario por vírnolo presentar.

No hay comentarios: