martes, 11 de septiembre de 2018

Despedimos o verán na biblioteca de Chapela con narración oral para adultos


Para despedir o verán e achegarnos á nova etapa de rutinas e actividades que nos agarda, nada mellor que entrar con bo pé. Ainda que estamos acostumados a que os contos son para os cativos, descubriremos que os contos son en realidade para moitas idades, e para quen se dispoña a escoitalos e gozar deles: rindo, chorando, lembrando, compartindo....

O xoves 20 de setembro, ás 19:00 h., teremos na Biblioteca de Chapela á magnífica contadora Fátima Fernández, que nos achegará con "Os contos da nai da miña nai" as máis chamativas historias da nosa vizosa tradición oral.

Os contos da nai da miña nai.
"Hai avoas de moitas alturas, tamaños, pesos e cores. Por iso é fácil diferencialas, pero á miña avoa materna, á nai da miña nai non había xeito de confundila; pasábase todo o día en silencio, sentada na súa butaca, cosendo, pero cando chegaba a noite, trala cea, deixaba ao carón a súa costura e collíame no seu colo mentres a miña nai recollía a mesa. 
Os seus brazos e a súa voz envolvíanme con historias que me facían viaxar por estraños países, con animais falangueiros e aventuras misteriosas; sempre pensei que os contos cos que me facía soñar,a ela contáronllos os fíos cos que tecía as súas teas, e a eles as avoas que facían as madexas e a elas...".
A actividade realízase grazas ao programa Ler conta moito, da Rede de Bibliotecas de Galicia.

No hay comentarios: