sábado, 13 de abril de 2019

Gala 50 Aniversario das Bibliotecas de Redondela

A biblioteca pública Valle-Inclán de Redondela celebrou onte o seu cincuenta aniversario cun acto no Multiusos da Xunqueira no que se proxectou un audiovisual sobre a historia deste servizo desde a súa inauguración en 1968, así como as distintas actividades desenvoltas nos últimos meses para conmemorar o seu medio século impulsando a lectura e a promoción da cultura.

Durante a gala entregáronse recoñecementos a persoas e entidades que ao longo destes anos colaboraron de forma especial coa biblioteca, entre as que se destacou aos xornais Faro de Vigo e Atlántico Diario polo labor de difusión das actividades que organiza este servizo municipal.
 
 Tamén recibiron recoñecementos a Fundación Filomena Rivero Alonso pola súa colaboración ao longo dos últimos anos no desenvolvemento de distintas e enriquecedoras actividades; a Asociación de Amigos das Bibliotecas Municipais  de Redondela, polo seu labor para fomentar a lectura; a Asociación de Veciños de Chapela, por impulsar a creación dunha biblioteca nesta parroquia; a Asociación Cultural e Social de Chapela, pola súa colaboración no desenvolvemento de distintas actividades culturais; o artista redondelano José Migueles "Se", polo deseño da mascota "Leolo O Contadelo", imaxe da biblioteca; e a todos os  usuarios que ao longo destes anos pasaron polas bibliotecas, en representación de todos eles o socio máis antigo, vivo, da biblioteca, o redondelano Álvaro Bastos Crespo, que mantén o seu carné de socio desde o ano 1968.
Accede aquí ás fotografías do evento
Durante o acto interviñeron o Director Xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, o alcalde de Redondela, Javier Bas,  a concelleira de Cultura, Teresa París, e a directora das Bibliotecas Municipais de Redondela, María Elena Becerra, que destacaron o importante labor que desempeñan as bibliotecas na sociedade, como unha porta de acceso aos coñecementos e á cultura.


O acto pechouse coa actuación da  Xingro's Big Band
A Biblioteca Municipal de Redondela creouse en 1968 con 325 socios e un fondo de libros rexistrados de 1.626 volumes. Hoxe en día, dentro do catálogo colectivo da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia, as bibliotecas redondelanas teñen 427.693 usuarios potenciais e os seus lectores, grazas ao carné único da Rede de Bibliotecas, poden acceder a un catálogo de 2.971.498 exemplares e 951.883 títulos aos que hai que engadir os dispoñibles na plataforma de préstamo de libros dixitais, Galicia Le.


Moitas grazas a Roberto Solano por este documento gráfico que nos permitirá manter no recordo ao longo do tempo esta tarde entrañable:





No hay comentarios: