Este xoves, primeiro de outubro, festexamos o 15º aniversario da Biblioteca Xela Arias. Se o Covid-19 impediu que o festexaramos en abril, que é o seu día, non nos freou en outubro, de maneira que do mes do libro sustituímolo polo mes da biblioteca... va que non é un mal cambio? 😏
Sexa como sexa... o importante é a festa! Para a ocasión contamos cun convidado moi especial. O músico Xoán Curiel, coñecido nas nosas estanterías por algúns dos seus libro-discos, acompañounos nesta tarde chuvienta. E non defraudou.
Para maior seguridade sanitaria contabamos con facer a actividade no xardín do Piñeiral do Crego, pero a climatoloxía adversa suxeriunos que estariamos mellor no auditorio do Piñeiral... e aló fomos.
Dentro do escenario reproducimos unha biblioteca en miniatura, para acoller ao noso artista, un músico didáctico, fascinante e divertido, que foi quen de transformar a distancia física imposta, e a barreira das máscaras en auténticos sorrisos, en ritmo e en diversión compartida... ao tempo que nos aprendía máis dunha curiosidade musical.
A actividade estaba dirixida a familias, especialmente a nenos e nenas de entre 5 e 10 anos, e foron moitos e moitas os que se achegaron, previa inscrición, a pasar esta tarde agradable con nós.
Moitas grazas a Xoán Curiel por este agasallo musical para a nosa biblioteca, e por este encontro fascinante cos nosos usuarios.
Tamén moitísimas grazas á nosa alcaldesa, Digna Rivas, e a Daniel Boullosa, concelleiro de Cultura por facer a presentación do acto.
E, como non, a todas as familias que se achegaron esta tarde a celebrar con nós este día, e que gozaron moito da actividade.
Ao rematar o concerto, as bibliotecas agasallamos aos rapaces e rapazas asistentes cunha bonita bolsa sopresa das bibliotecas municipais.
A actividade realizámola dentro do programa Ler conta Moito da Consellería de Cultura e Turismo para a Rede de Bibliotecas de Galicia.
FELIZ 1️⃣5️⃣ ANIVERSARIO!!
No hay comentarios:
Publicar un comentario