jueves, 6 de mayo de 2010

"O vixía no centeo" achegamento ás crises da adolescencia no club de lectura de Chapela


A sesión desta semana do club de lectura versou sobre unha novela que pode considerarse un dos referentes máis paradigmáticos da cultura estadounidense do século XX.



Dende a súa publicación, no ano 1951, a novela "The catcher in the rye" e o seu protagonista, Holden Cauldfield convertéronse en iconos da rebeldía e o inconformismo da xuventude de tódolos tempos. Será ademáis pola súa linguaxe directa, así como polo seu xeito de provocar controversia ao tratar temas como a sexualidade, as drogas e as actitudes máis instintivas, un libro que marcará un fito sen precedentes, e unha das máis importantes novelas do século XX.

Dada a extravagante biografía do seu autor, Jerome David Salinger, que viviu, ata o seu falecemento, no ano 2009, obsesionado por fuxir da súa fama (o personaxe principal do filme: Descubrindo a Forrester está inspirado nel), non hai dúbida que existe toda unha lenda e un grande misterio entorno seu.

A novela, xeradora das máis grandes polémicas, é unha icona da cultura moderna norteamericana. Sendo unha das obras literarias máis prohibidas e, á vez, máis recollida como lectura obrigatoria nos programas escolares, está rodeada dun aura de escrito maldito e pernicioso, inspiradora de controvertidos grupos de rock e, máis aló, asasiños como Mark David Chapman, precisamente no momento en que asasinou a John Lennon.

En canto ao estilo da obra, un dos elementos máis destacados é a oralidade como recurso estético e estilístico. O mozo fala en primeira persoa con expresións coloquiais, directas, cun xeito ás veces pobre e excesivamente sinxelo, moi acorde co xeito expresivo propio dun adolescente ou dunha persoa con pouca madurez.

É precisamente esta falla de madurez o que caracteriza ao noso antiheroe Holden Cauldfield. Cheo de carraxe ante o que ve e incapaz de sentirse seguro e de afirmarse no mundo dos adultos, a pesares de que tenta facelo (acudir a bares nocturnos e beber alcohol), rexeita ferozmente todo o que o seu entorno lle ofrece. Esta falla de madurez faille comportarse coma un neno a maior parte do tempo, e márcase de xeito especial no seu achegamento afectivoaos cativos, en especial á súa irmá pequena. Asimesmo, a súa ligadura coa infancia márcase en todos os momentos en que o rapaz só se sinte seguro ou só atopa agrado cando as cousas permanecen como están, sen que teñan mediado cambios (os seus antigos mestres, o museo, a escola da súa infancia, o tiovivo...).

Doutro xeito, a inmadurez tamén se perfila nas profundas contradiccións de Holden: detesta a hipocresía, pero se declara mentiroso consumado; odia aos adultos, pero trata de facerse pasar por eles nos locales nocturnos; non ten experimentado un despertar sexual, pero contrata a unha prostituta....

Os distintos aspectos da novela deron para moitos comentarios.

Rematamos a sesión lendo un inquedante relato do mesmo autor: "Un día perfecto para el pez plátano" incluido na obra Nove contos, publicada dous anos despóis da novela que nos ocupa.


No hay comentarios: