lunes, 3 de mayo de 2010

Exaltación dos libros con "Fahrenheit 451"


Fahrenheit 451, a famosa novela do escritor norteamericano Ray Bradbury foi a protagonista da xuntanza do mes de Abril no club de lectura.

Con diversidade de opinións na aceptación entre os nosos lectores, a novela é un dos máis salientables exemplos do que se deu en chamar novela distópica, un xénero que chegou a ter certa proliferación no século XX.

Dela gustounos a acción, o dinamismo con que se desenvolven os feitos,e, sobre todo, o extraordinario acerto con que Bradbury é capaz de predecir o devir das sociedades modernas en temas como a manipulación das masas a través dos medios audiovisuais. Mais, doutra banda, provocou certa decepción na súa excesiva carga moral, o que, en opinión dalgúns dos nosos lectores, facía máis limitado o seu discurso literario.

O final ¿esperanzado ou desesperanzado? deixou espazo tamén para o debate.

Non deixamos de referirnos tamén á adaptación cinematográfica da novela, dirixida en 1966 polo recoñecido cineasta francés François Truffaut. A pesar da limitación dos medios técnicos da época, a película consegue grandes efectos. Dado que está prevista unha nova versión cinematográfica da novela, a estrear a finais deste ano, agardamos con impaciencia poder vela.

No hay comentarios: