Durante os meses de xullo e agosto pode visitarse no Edificio Multiusos da Xunqueira de Redondela a mostra Máquinas absurdas do escultor afincado en Arcade Bernardo Seoane.
O artista, autodidacta aínda que con máis de trinta anos de traballo ás súas costas, presenta unhas 25 pezas elaboradas a partir da reciclaxe de diversos materiais: ferramentas, aceiro, ferralla, etc, coas que reflexiona sobre o absurdo de certos comportamentos e situacións: a incomunicación, a hipocresía, o asulagamento, ou mesmo a violencia das guerras. Así, con títulos coma Desintoxicador de móviles, Auto-zoupador, Instrumentos de pedir, Máquina de pisarse, Confesionario ambulante, ou a Terminator, que da imaxe ao cartel da exposición, Seoane fai un lúcido traballo conceptual de crítica dende a ironía, facendo participar activamente ao espectador na visita, xa que todas as máquinas están concebidas para ser accionadas polo visitante (mesmo hai unha que permite ser abrazado gratuitamente).
A mostra está organizada pola Concellería de Cultura do Concello de Redondela.
No hay comentarios:
Publicar un comentario