jueves, 9 de septiembre de 2010

Agustín Fernández Paz e Ignacio Chao Castro na Lista de Honra 2010 do IBBY

O único que queda é o amor de Agustín Fernández Paz, como obra orixinal en galego, e a tradución realizada por Ignacio Chao Castro para o libro A noite d'O Risón, de Gonzalo Moure, forman parte da Lista de Honra 2010 do IBBY. Ambos creadores recibiron hoxe o seu premio e o aplauso máis forte, longo e caloroso, nunha cerimonia que se celebrou no Pazo de Congresos de Galicia, en Santiago, dentro das actividades do Congreso Internacional do IBBY.

O único que queda é o amor é un dos libros máis premiados e recoñecidos dos publicados en Galicia durante os últimos anos. Reeditado en cinco ocasións, con anterioridade á súa inclusión na Lista de Honra do IBBY recibiu o Premio Xosé Neira Vilas ao Libro Infantil e Xuvenil do ano 2007, o Premio Asociación de Escritores en Lingua Galega (Infantil-Xuvenil), 2007, o Premio Literario Frei Martín Sarmiento e o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil 2008 .

A noite d'O Risón, de Gonzalo Moure é unha novela breve na que un grupo de mariñeiros atrapados polo temporal e varios personaxes misteriosos, comezan a contar historias sobre tormentas, naufraxios e mortos. Acollida con entusiasmo, enseguida destacou a calidade da tradución de Ignacio Chao. Sobresae de forma especial o seu magnífico traballo coa linguaxe popular mariñeira.
A Lista de Honra IBBY é unha selección bienal de libros de recente publicación pertencentes a todos os países membros de IBBY. O seu obxectivo é favorecer o entendemento internacional a través da literatura infantil e xuvenil.
Cada unha das Seccións Nacionais de IBBY nomean un libro en cada unha das tres categorías existentes: autores, ilustradores, tradutores. Aqueles países que contan con produción en máis dun idioma, poden elixir até tres libros nas categorías de Autores e Tradutores en cada idioma oficial.
Consulta aquí a lista de galardoados.

Publicar un comentario