sábado, 27 de noviembre de 2010

Adeus ao intelectual galeguista Francisco Fernández del Riego

Francisco Fernández del Riego finou este serán na súa casa de Vigo da Praza de Compostela aos 97 anos de idade.

A súa vida principiara en Vilanova de Lourenzá no ano 1913. Intelectual galeguista, expresidente da Real Academia Galega e fundador da Editorial Galaxia con Ramón Piñeiro, Otero Pedrayo e Xaime Isla no ano 1950, dedicou a vida enteira ao traballo a prol da nosa cultura e da nosa lingua.

Don Paco, como era agarimosamente coñecido, dirixiu tamén, man con man con Ramón Piñeiro, a revista Grial dende o instante da súa fundación no ano 1963.

Foi director tamén da Real Academia Galega entre novembro de 1997 e maio do 2001, entidade na que ingresara en 1960 cun discurso titulado 'Un país e unha cultura. A idea de Galicia nos nosos escritores'. Ao seu traballo débese, entre outros logros, o nacemento do Día das Letras Galegas. Ata hai pouco menos dun ano e dende a súa creación en 1963, encargouse tamén da dirección da Biblioteca da Fundación Penzol á que doara a súa importante colección documental e bibliográfica de máis de 40.000 volumes.

Sen Francisco Fernández del Riego é imposible entender o proceso de reconstrución e supervivencia da nosa cultura despois da Guerra Civil, arredor do grupo de intelectuais coñecidos como a Xeración Galaxia, herdeiros das iniciativas xurdidas décadas antes dos membros da Xeración Nós.

Despois de tantos anos de traballo, Fernández del Riego fora recoñecido con numerosos galardóns (Premio Trasalba, Premio Pedrón de Ouro, Medalla de Ouro da Cidade de Vigo, Premio de Creación Cultural da Xunta de Galicia, Premio Celanova, Casa dos Poetas...). Así mesmo, foi nomeado Doutor Honoris Causa pola Universidade de Vigo e Galego Egrexio pola Fundación dos Premios da Crítica.

Foi autor dunha extensísima obra entre a que sobrancean textos como 'Historia da literatura galega' (1951), Galicia no espello (1954), 'Diccionario de escritores en lingua galega' (1990) ou 'A xeración Galaxia' (1996). No eido narrativo brillou con luz propia no ano 1992 con 'O cego de Purmadeón'. Deixou escrito, tamén, centos de artigos xornalísticos, o derradeiro deles publicado o último día do pasado mes de Xullo.


(Vía: Editorial Galaxia)

No hay comentarios: