jueves, 31 de marzo de 2011

Acompañádenos eses días


O sábado 2 de abril é o Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil en conmemoración do nacemento de Hans Christian Andersen.

As bibliotecas de Redondela imos adiantar e pospor a súa celebración: na Axencia de Lectura Municipal de Chapela, como xa se comentou nun post anterior, hai unha sesión especial de contacontos o venres 1, durante a que se lerá o manifesto dese día e na Biblioteca Municipal teremos unha lectura pública na Sala Infantil o luns 4 ás 17:00 h., que comezará coa lectura do manifesto e continuará coa de fragmentos da novela Farenheit 451 de Ray Bradbury e do conto "El ruiseñor y la rosa" de Oscar Wilde. Esta lectura levarana a cabo 25 alumnos do IES Pedro Floriani. Oxalá vos podades achegar un ratiño!

Será un momento íntimo como o é o propio acto de ler pero pode ser para todos un bonito modo de agradecer a todos eses autores, a todos eses contos e historias, os momentos máxicos e marabillosos...ou ata terroríficos, que enriqueceron a nosa infancia e a nosa vida adulta.

Tamén Radio Redondela unirase á conmemoración coa retransmisión do manifesto no propio día 2 de abril.
É desde o ano 1965 que o International Board on Books for Young People
(IBBY), no que están integrados máis de 70 países entre estes España, promove a celebración deste Día. Cada ano un país membro encárgase de seleccionar a un escritor e a un ilustrador para realizar a mensaxe e o cartel que se dirixe a todos os nenos do mundo. Este ano correspóndelle á sección de Estonia, que enviou o cartel de Jüri Mildeberg e a mensaxe de Aino Pervik (podedes acceder a ámbolos dous no lateral do blog)

A Organización Española para el Libro Infantil y Juvenil (OEPLI) a través das súas catro seccións, entre elas a galega, promove a escala nacional a celebración no noso país. E é GALIX (Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil) a que asume a responsabilidade e a representatividade deste Día na nosa Comunidade.

No hay comentarios: