lunes, 28 de marzo de 2011

Yolanda Castaño e a profundidade de campo

O Club de Lectura da Biblioteca Municipal tivo o privilexio de contar na súa última sesión con Yolanda Castaño. A poetisa coruñesa é un dos máis sólidos puntais da poesía galega actual, cunha produción amplamente recoñecida. Debaixo do brazo trouxo o seu último poemario, "Profundidade de campo", que atesoura diversos premios como o Espiral Maior e El Ojo Crítico. Nun ton didáctico e próximo debullou algúns aspectos craves da dialéctica poética, desterrando algúns prexuízos ancorados firmemente á figura pública do poeta. Recoñeceu o seu compromiso rotundo coa verdade, indicando, con todo, que, tras o envío do libro por parte do escritor, é o lector, coa súa lectura dinámica, o que lle dá o sentido último, creando unha hermenéutica propia. Fronte á inmediatez do mundo moderno e o desexo do exacto, a poesía reivindícase como bastión do suxestivo e velado, porta cara a outra mirada. Así, os poemas son figuras poliédricas, que renden contas a contido, sonoridad, presenza e contexto, e o labor do poeta, exercicio de risco, consiste nun continuo proceso de selección e depuración para atopar o termo preciso.

Yolanda mostrouse confiada con respecto ao futuro da poesía, o instinto de supervivencia da mesma fíxoa permeable aos cambios, adecuándose en cada momento ao medio que imperaba. Internet, xa que logo, non se presenta como un obstáculo senón como unha oportunidade de desenvolver novas estratexias. Remarcou a autora do "El libro de la egoísta" a súa firme crenza na comuñón das artes, e como todas elas participan dunha mesma natureza expresiva de carácter comunicador. Centrándose na súa obra, regalou aos presentes a lectura dalgúns dos seus poemas, subliñados co voo das súas expresivas mans, e debateuse sobre a dualidade esencia/presencia e o peso da imaxe no mundo actual; así como se vindicó o dereito inherente á propia identidade. Para rematar, animou a perder o medo aos poemarios, invitando a degustalos libremente para ir cultivando o gusto poético.

Pero, que é un poeta senón un catalizador de poesías? De aí, con modestia, vaia este:

Ovillejo de la visita

¿Quién trajo libro a la panda?

¡Yolanda!

¿Quién dio la charla del año?

¡Castaño!

¿Quién deleita por esteta?

¡La poeta!

Lució cual feroz cometa,

En Redondela lectora,

Con su suave voz canora,

Yolanda Castaño, la poeta.


(Poesía final y post de Jerónimo Pomares)
Publicar un comentario