lunes, 11 de abril de 2011

Africanus no club de lectura de Chapela

Desta vez, o club de lectura de adultos probou cunha doble nova experiencia: un novo xénero literario ao que ata agora non nos achegamos no club, isto é, a novela histórica, e un novo modo de ler, case experimental, que espertou a nosa curiosidade e deu para moitos comentarios:

"que raro é!", "que letras máis pequenas!", "que páxinas máis finiñas!"... "pero mira que cómodo, que o podo suxeitar cunha soa man para ler...", " e o levo no peto da chaqueta e non me pesa...".

Estes e máis comentarios xeraron a nosa primeira lectura nun formato recientemente inventado e que supón unha grande novidade nos libros en papel: son os Librinos.

O librino ten un tamaño ben máis pequeno que na edición orixinal.

A novela escollida foi Africanus: el hijo del cónsul de Santiago Posteguillo, primeira parte da Triloxía de Escipión, e novela de densa aportación histórica, na que se narra a infancia e xuventude do heroe militar romano Publio Cornelio Escipión el Africano.



En canto á novela houbo comentarios de todos os gustos. Coincidimos en que era de agradecer a súa aportación documental, cun extenso listado bibliográfico ao final, no que poder apoiarnos aqueles que desexemos coñecer máis sobre o personaxe ou sobre ese período histórico, e tamén en recoñecer o rigor e o extenso traballo de preparación documental feito coa novela. A súa vez, outros recursos de apoio ao lector: os gráficos, o glosario de termos ou o índice de personaxes foron ben recibidos, dado que nos orientaban aos lectores a través da complexa e concienzuda recreación dos feitos narrados.

Pola contra, máis aló do seu valor documental, na gran maioría coincidimos en darlle pouco mérito literario a un texto que sacrifica todo interese narrativo, estilístico e, en xeral, creativo en aras de manter unha fidelidade histórica ou, máis ben, un rigor didáctico con respecto aos feitos.

Mais a pesares de que houbo unanimidade nesta consideración, a satisfacción que nos provocou a lectura foi moi diferente en cada un de nós. ¿Gustounos sinxelamente polo seu interese pedagóxico ou botamos en falta unha mellor elaboración da trama, da linguaxe, da caracterización dos personaxes, da estructuración das escenas e dos tempos? ¿Ata que punto nos gustan ou nos cansan as narracións épicas onde se repiten lugares comúns na descripción dos caracteres e das virtudes morais dos personaxes? Nesto último, a novela non oculta as súa inspiración narrativa: os textos dos historiadores romanos, dados á esaxeración heroica e grandilocuente, á vez que mantén os ecos do cinema épico da época dourada norteamericana.

No hay comentarios: