No ano adicado a Álvaro Cunqueiro as bibliotecas de Redondela quixemos arriscarnos a propoñer un novo reto aos nosos lectores, e este foi o de achegarnos á lectura dun clásico das nosas letras.
Álvaro Cunqueiro Mora, nado en Mondoñedo no ano 1911 e finado en Vigo hai 30 anos, é sen dúbida un dos creadores máis senlleiros da nosa literatura. A el lle debemos unha intensa e comprometida participación na divulgación do galego, nunha obra creativa fecunda e multidisciplinar.
Merlín e familia foi publicada no ano 1955, nun momento no que o autor regresa de Madrid para instalarse de novo en Mondoñedo. Se trata dun momento trascendental para as súa carreira literaria, xa que marca a súa aposta decidida do escritor pola súa lingua natal e define o seu comezo como escritor de narrativa. Tamén porque coincide con ser o momento en que o proxecto Galaxia, impulsado polo seu amigo Fernández del Riego, vai adquirindo certo pulo no panorama editorial galego.
Cun estilo barroquizante, arcaico e de, ás veces, moi difícil comprensión, Cunqueiro nos relata as historias do mítico mago Merlín, que se achega a vivir a Esmelle -lugar fabulado, pero que recoñecemos como dos arredores de Lugo- despois de herdar nel un pazo.
O Merlín desta novela (¿novela ou conxunto de relatos?) perde o seu carácter grandilocuente e intocable, propio dos seres lendarios, para se transformar nunha persoa de carne e oso, "contento do mundo e parrafeador", que tiña como costume tomar un almorzo "de ovos revoltos e viño clarete". A maxia e os mundos fantásticos están presentes en cada un dos capítulos, mais quedan contrastados por unhas situacións cotiás moi pouco idealizantes, bastante absurdas algunhas das veces, nun claro ton desmitificador e de parodia.
Esta mistura entre o mundo da fantasía co costumismo galego (¿"realismo máxico" á galega?) provocan extrañamento no lector e, en consecuencia, pasaxes moi cómicos. De certo, algúns achádegos son realmente xeniais; mais a dificultade da linguaxe e a insistencia no ton absurdo, que ás veces pode ser excesivo, fan que este humorismo non sempre funcione, e isto foi un dos puntos negativos que comentamos na nosa sesión.
Doutra banda, é chamativo o xogo constante de referencias cultas, nun amálgama de personaxes pertencentes a diferentes épocas e tradicións. As lendas artúricas, as personaxes de Shakespeare, o médico persa Avicena ou algún emperador romano... discorren de xeito coetáneo a través das páxinas destes relatos, dun xeito bastante curioso.
Doutra banda, é chamativo o xogo constante de referencias cultas, nun amálgama de personaxes pertencentes a diferentes épocas e tradicións. As lendas artúricas, as personaxes de Shakespeare, o médico persa Avicena ou algún emperador romano... discorren de xeito coetáneo a través das páxinas destes relatos, dun xeito bastante curioso.
Chamounos a atención que se trata dunha novela moi sensual en moitos sentidos: na ambientación -a sensación de verdor e de humidade das paisaxes está moi conseguida-, na presencia de distintos personaxes femininos, que axitan unha e outra vez a imaxinación do narrador adolescente... pero sobre todo na recorrente presenza da comida en cada un dos seus capítulos*.
Outro dos aspectos que comentamos foi ese certo ton melancólico que hai no trasfondo do libro -a soidade, a lembranza da xuventude-, pero que aparece máis agochado e que dificilmente percibimos nunha primeira lectura.
*A gastronomía e a tradición culinaria galega, tan presentes en Cunqueiro, toman un protagonismo moi particular neste libro. A editorial Galaxia publicou un receitario basado neste libro, e que resulta moi recomendable para todos os amantes da boa cociña.
Destacamos o índice onomástico do final como un dos pasaxes máis interesantes do libro. Cheo de matices e de recursos, este conxunto de termos conforma unha mistura xenial entre a realidad e a ficción e converte, a xeito dun Cervantes do seu tempo, ao seu autor nun máis dos protagonistas do relato.
Jerónimo Pomares fai unha presentación introductoria sobre Álvaro Cunqueiro e tamén sobre o mundo do Mago Merlín.
A sesión-debate cos membros do club.
No hay comentarios:
Publicar un comentario