domingo, 1 de abril de 2012

Coa Tía Mame no club de lectura de adultos

Excéntrica, cosmopolita, sensual, caprichosa, provocadora, sorprendente, excesiva, disparatada... e terriblemente adorable. 
Así e con moitos outros calificativos podemos describir esta hilarante, orixinal e divertida novela publicada polo estadounidense Patrick Dennis no ano 1955.

Narrada como un conxunto de historias independentes, a novela fora rexeitada por dezanove editoriais antes de ser publicada e, curiosamente, acadou un éxito rotundo ao pouco de saír á venda.

Patrick Dennis
O seu autor, Patrick Dennis, pseudónimo de Edward Everett Tanner III, foi un dos escritores máis populares durante os anos 50 e 60 nos Estados Unidos. Representante como ningún outro da Bohemia neoiorquina do Greenwich Village, foi o primeiro escritor en acadar a ter tres dos seus libros entre a lista dos dez libros máis vendidos elaborada polo diario New York Times.


Co personaxe de Mame viaxamos ao longo de varias décadas nos Estados Unidos, dende a opulencia dos anos 20 ata a recuperación económica dos 50, pasando pola catástrofe bursátil do 29, o período de recesión, a lei seca, a Guerra Mundial... Situacións que quedan como trasfondo, pero nas que non se profundiza, senon que se alude a elas dun xeito máis lixeiro.


  • GUSTOUNOS: A excentricidade do personaxe principal provoca momentos cómicos que a todos nos fixeron rir. Na sesión sinalamos aqueles que máis nos gustaron.
O personaxe de Mame se define dende a súa exaxeración. Dado que o seu carácter é o dunha diva, considera que en cada momento debe representar un papel, e cando así o decide, leva o rol escollido ata as últimas consecuencias.
A Tía Mame sorpréndenos polo seu contraste, xa que pode ter, a partes iguais, a capacidade de ser caprichosa, manipuladora e un pouco retorcida, para salir sempre coa súa; pero tamén unha sensibilidade e un corazón moi grande, que a permiten rebelarse contra as rixideces e as convencións da sociedade benpensante do seu momento.
Pola contra, Patrick parece como un secundario, que o que fai é observar o carácter e o comportamento da súa tía. No seu momento de cativo, parece bastante maduro e observador, comprendendo cousas e situacións que Mame parece non ser quen de ver. Mais no seu momento de adolescente e incluso no de adulto, revélase en moitos momentos como un personaxe inmaduro e covarde.
  • O QUE NON NOS GUSTOU: Algúns dos presentes comentaron que hai moita exaxeración no libro, pensando só en facer rir, provoca situacións pouco verosímiles, as veces bastante incoherentes.
En todo caso se trata dunha novela agradable, fresca e moi sinxela de ler, apta para escoller nun momento no que busquemos a evasión. Para os que ainda non a lerades, propoñémosvos ler aquí as primeiras páxinas da novela.

"La tía Mame" foi adaptada ao teatro un ano despois de ser publicada, e posteriormente (1958) acadou a súa versión cinematográfica, titulada en España Esa tía es un demonio, así como nun musical que se exhibiu nos teatros de Broadway durante moitos anos.

Podedes ver un fragmento do filme:




E aquí, como sempre, ofrecémosvos fotos da nosa xuntanza do pasado luns en Chapela, nun momento de debate entre os participantes:




Ata a próxima!

No hay comentarios: