Cun brinde e moitos sorrisos celebramos o Día do Libro no club de lectura de Chapela.
A xuntanza deste mes estaba adicada a un escritor xaponés de nacemento, mais británico de adopción, Kazuo Ishiguro, considerado, de feito, un dos máis importantes representantes da escrita británica actual. A obra que limos del foi o seu primeiro libro de relatos, publicado no ano 2009: "Nocturnos".
Kazuo Ishiguro |
"Nocturnos", subtitulado: "Cinco historias de música e anoitecida", é un conxunto de cinco relatos, localizados en lugares e contextos diferenciados, mais unidos todos eles polo protagonismo vital da música e polo peso que marcan neles os desencontros, o desamor e o outono vital en todos os seus protagonistas.
Ánxeles nos agasallou coa rosa de Sant Jordi, que centrou a mesa do debate |
Ainda que os personaxes salientan polo seu amor á música, e por adicar a esta arte grande parte das súas
vidas, estas se nos presentan como amargas, serodias e vacías.
Seguir o propio camiño e ter vocación pola actividade que se
desenvolve non é suficiente para non caer na apatía e na perda da
ilusión. Queda tempo para a reflexión sobre outros aspectos da vida
nos que, case sen decatarse, son quen de percibir o sabor agridoce do
desencanto.
A frustración, o paso do tempo, o arrepentimento, o
desengano, as ambicións e os soños non cumpridos, a perda da fe da
xuventude... poboan estes relatos cheos de soidade e de nostalxia, pero tamén
salferidos de pequenas notas de humor, de situacións absurdas producto do enxeño narrativo do seu autor.
Os finais abertos de todas as historias
atemperan o dramatismo das mesmas. Lonxe dun ton tráxico e
ferinte, as historias acollen unha dor sosegada e máis realista, a
que nos envolve cando nos descubrimos que xa non somos novos, a que
pode chegar no momento en que deixamos de soñar no futuro e nos plantamos na realidade do presente.
E, por último, dado que a xuntanza a celebramos no propio 23 de Abril, Día do Libro, nada mellor que celebrar unha data tan especial para todo o club con bombóns e tarta de Santiago. Todos os participantes brindamos entre nós, (e cara aos lectores do blog tamén!) por ler xuntos moitos máis libros de aquí ata a próxima celebración... por un ano cheo de libros!
María José, Mª Carmen, Maribel, Carme, Mercedes, Conchi, Pilar, Tini... |
... Carmen, Sonia, Miguel, Pili, Loli, Marcos e Ángela... Brindando polo Día do Libro, no club de lectura de Chapela |
No hay comentarios:
Publicar un comentario