domingo, 12 de mayo de 2013

Enriquecedor encontro dos clubs de lectura con Eduardo Riestra

A novela
Este venres os clubs de lectura de adultos das bibliotecas de Redondela reuníronse en Chapela para ter un encontro con Eduardo Riestra, fundador da editora coruñesa Ediciones del Viento, da que forma parte o libro desta última sesión.


O autor Tawfíq al-Hakím
"Diario de un fiscal rural" , do autor exipcio Tawfíq Al-Hakím, narra a vida dun fiscal exipcio no seu modesto destino rural, entre a rutina dos pequenos delitos cotiáns e a absurdeza burocrática con que se imparte a xustiza. A súa monotonía rematará  certa noite na que lle chega o aviso dun asasinato.
A novela está editada dentro da colección Viento Simún, primeira colección de obras do catálogo da editorial. Está formada por lecturas que se desenvolven en escenarios lonxanos, principalmente do continente africano ou asiático, e a compoñen libros de viaxes, novelas ou coleccións de relatos de autores do século XIX e XX.
Eduardo Riestra, recibido por Elena
Eduardo Riestra, ademáis dunha persoa afable e un magnífico comunicador é, ante todo, un home dunha vastísima cultura, cousa que quedou patente ao longo da nosa xuntanza, pois gozamos de máis de dúas horas de conversa amena e chea de información do máis interesante... para non perder detalle.
Alexia nunha das súas intervencións

Na xuntanza nos falou de moitas cuestións relacionadas coa novela que nos ocupaba: o achádego da mesma, esto é, cómo a coñeceu a través dunha publicación por entregas e como transcorreu o proceso ata por fin acadar a súa publicación no ano 2004.

A novela, nunha publicación no seu idioma orixinal

Pero tamén falou sobre outras circunstancias relacionadas coa súa labor de editor, entre outras, a súa visión da situación actual do mercado do libro, ou aspectos moi detallados sobre as traduccións das obras ou sobre a labor dos correctores literarios.
Eduardo Riestra amósanos o exemplar da revista "Les temps modernes" (ano 1950) onde descubriu ao autor Tawfíq Al-Hakím
Por último, e dado que o seu discurso é riquísimo e moi interesante, e que a súa bagaxe profesional está chea de anécdotas, de encontros con grandes personaxes da vida cultural e de outras vivencias, falounos de todo un pouco: dende as súas experiencias como viaxeiro polo mundo, ata outros aspectos relacionados coa súa labor arredor da promoción da cultura.

O certo é que o carácter inquedo e emprendedor de Eduardo Riestra lévao a participar en moitos eventos: ferias do libro nacionais e internacionais, congresos literarios, actividades de promoción cultural, encontros con escritores, ou tamén a apostar por novos creadores. Actualmente, se atopa inmerso en moitos proxectos relacionados coa súa editorial, dos que sairán froitos moi pronto.

Non podemos senón dicir que escoitamos con grande interese, e que o tempo desta xuntanza se nos fixo máis que nunca, curto. Agardamos volver ter noticias de Eduardo Riestra e dos seus proxectos. 


Unha grata e amena conversa con Eduardo Riestra

Ata entonces, Eduardo...
MOITAS GRAZAS!

Graciñas, tamén, a Roberto Solano pola reportaxe fotográfica.
Publicar un comentario