Esta tarde na biblioteca gozamos da interpretación de divertidísimos e vistosos contos, da man do alumnado do CS de Educación Infantil, dentro do programa Troula de Contos.
As nosas contadoras adaptaron unha versión teatral moi divertida, a partir dun fermoso conto artesanal elaborado por elas mesmas.
Ao rematar o conto, os cativos participaron en cancións e xogos relacionados co lobo do conto, así como dunhas actividades de aprendizaxe sobre o mundo dos animais.
- Un mundo nun armario
Este orixinal conto serviu para achegar aos cativos ás súas actividades da vida cotiá, pero tamén de moitas outras cousas do pequeno mundo que os rodea. Os pais, a familia, o aseo diario, a escola, a alimentación..., participaban no conto, así como outras realidades como a elaboración ou o cultivo dos alimentos.
Tanto a historia do conto como a súa elaboración foron novidosas apostas do grupo participante. O conto: un armario enorme de cartón, e as súas páxinas, roupa impresa coa historia a narrar. Sorprendéronnos a todos!
O conto tiña un carácter moi interactivo, de xeito que os cativos participaron do mesmo, ao responder ás adiviñas que as narradoras lles plantexaban, e ao intervir cos obxectos e as escenificacións propostas.
Querémoslle dar as máis sinceras grazas ao alumnado do CS de Educación infantil de Chapela, e tamén á súa profesora, Mª Cristina Fernández por estas propostas tan orixinais e proveitosas para os máis cativos da biblioteca.
No hay comentarios:
Publicar un comentario