martes, 21 de octubre de 2014

Campaña solidaria de intercambio de libros por alimentos, nas bibliotecas de Redondela


 As bibliotecas de Redondela impulsan unha campaña de recollida de alimentos e produtos de primeira necesidade que se destinarán a Cáritas Redondela

 Libros solidarios é o lema desta campaña de intercambio de libros por alimentos, na que participan as bibliotecas municipais, a biblioteca do Círculo Cultural Recreativo de Chapela e as bibliotecas dos CEIP de Quintela, Santo Paio de Abaixo, Alexandre Bóveda, Laredo, do CEP Santa Mariña e dos IES Chapela e Mendiño. Todos estos centros son os puntos de intercambio.


A campaña dará comezo o venres, 24 de outubro, por ser este o Día da Biblioteca, e rematará o 28 de novembro ou ata que se esgoten as existencias. A iniciativa está aberta a calquera cidadán que quera colaborar e, nos centros de ensino particularmente ás súas comunidades escolares, cambiando alimentos non perecedoiros e produtos de hixiene, tanto persoal como para o fogar, polos libros que encontrarán expostos nos distintos centros de intercambio. Os visitantes collerán o libro ou libros do seu interese e deixarán a cambio os produtos nos recipientes colocados para tal efecto.
 Son colaboradores nesta iniciativa: Biblioteca do CEIP San Salvador de Teis, Fundación Filomena Rivero Alonso e El Patito Editorial. O noso máis agradecido recoñecemento a todos eles e dunha forma especial a Marta (que quere pasar desapercibida) polo marabilloso cartel que realizou con todo o cariño e detalle. Moitas grazas a todos!


(Na fotografía, a presentación da campaña coa presencia das bibliotecarias dos centros participantes e dalgún dos colaboradores)
A campaña foi recollida nestes días no Faro de Vigo.




Publicar un comentario