miércoles, 12 de noviembre de 2014

Fran P. Lorenzo, gañador do Premio Blanco Amor, outorgado onte en Redondela

O gañador: Fran P. Lorenzo -Fotografía tomada de El Diario.es-
Na mañá de onte concedeuse en Redondela o Premio Blanco Amor de Novela Longa deste ano.

Ás 12:30 da mañá o xurado daba o seu veredito unánime, escollendo a obra co título "Cabalos e lobos", cuxo autor é o periodista vigués Fran P. Lorenzo.

O premio comezou a súa andaina no ano 1981, por iniciativa do Concello de Redondela, como homenaxe a unha figura senlleira da literatura de Galicia, Eduardo Blanco Amor.
 
Nesta XXXIII edición, o Concello de Redondela asumiu de novo a súa organización, en vista de que a continuidade do galardón estaba en perigo, e das 40 candidaturas que se presentaron, obtivo o premio esta novela ambientada no Vigo da II Guerra Mundial.

Noraboa ao gañador!

O Concello de Redondela está a ofrecer unha programación especial relacionada co Premio Blanco Amor, coa representación de obras teatrais en centros de ensino secundario. Á súa vez, as bibliotecas municipais proxectaremos o documental "Universo Blanco Amor", producido pola AELG, o vindeiro Luns 17, ás 20:00 h. no Auditorio do Multiusos de Chapela, e os nosos clubs de lectura analisarán a novela "A Esmorga" na súa xuntanza deste mes.


No hay comentarios: