martes, 30 de diciembre de 2014

Miguel Ángel Alonso Diz e mais Esther felicítannos o novo ano na Biblioteca de Chapela



Na Biblioteca de Chapela gozamos onte da nosa particular festa de fin de ano da man de Miguel Ángel Alonso Diz e coa compañía de Esther, a protagonista deste contacontos.

Esther, personaxe do seu último libro infantil, está inspirada na súa propia filla. Neste libro o autor se achega aos rapaces para falarlles do desexo de aprender e como este é contrario á ignorancia e mais ao medo. A Esther do conto descubre as vogais e mais os números, e fai un percorrido no que se alonxa da escuridade para atopar o coñecemento. Os nosos rapaces, participantes onte no contacontos, percorreron con ela a súa viaxe simbólica dende o descoñecemento á curiosidade e a aprendizaxe.


Os asistentes ao conto de onte xogaron coas letras e coas palabras e,facendo unha sorte de sons e movementos que acompañaban á historia. Para rematar, tamén participaron xunto con Miguel Ángel da realización de trazos, letras e debuxos con luz a través da fotografía: un xogo moi divertido que sorprendeu a grandes e pequenos.

Podedes ver na enlace as creativas fotografías-debuxadas que fixeron onte Miguel Anxo e os cativos de Chapela nesta tarde máxica e festeira de contos.


Graciñas a todos, nenos e grandes, que nos acompañáchedes onte. Desexámosvos un feliz comezo de ano cheo de contos, maxia e paixón pola lectura.

No hay comentarios: