miércoles, 31 de diciembre de 2014

En Nepal

Acaba o ano e queremos que a última entrada do mesmo sexa moi especial. Por este motivo compartimos convosco unha experiencia moi singular que, hai ben pouco, viviu a nosa compañeira María José nun país lonxano e apaixonante: Nepal.


A nosa bibliotecaria de Chapela estivo dúas semanas no val de Kathmandú como voluntaria nun orfanato, CHEF Nepal, situado na localidade rural de Sunakothi.
A Coca Simona chegou a Nepal

Na súa estadía visitou moitos lugares interesantes e fermosos pero, sobre todo, coñeceu a uns rapaces maravillosos cos que compartiu a súa vida cotiá durante uns días que lembrará para sempre.

As Bibliotecas municipais de Redondela donaron para estes nenos e nenas libros e mais material escolar. Os residentes do orfanato: Sabin, Pardip, Esmee, Micky, Sajina, Sony, Karuna e mais Silvia agradeceron moito os agasallos, e ademáis de compartir con Mª José xogos e tarefas escolares, convidárona a visitar a súa escola.
 
नमस्ते - Namaste! (*Ola!)



Asimesmo, durante a viaxe tivo a oportunidade de descubrir a biblioteca máis importante do país, a Nepal National Library, situada na pequena cidade de Patan (Lalitpur) e coñecer a unha estupenda colega de profesión, Anupama Upadhyaya, que moi amablemente a acompañou por todas as instalacións da biblioteca, amosándolle as diferentes seccións da mesma e mais algúns dos tesouros bibliográficos nela conservados.


Entrada á biblioteca nacional. A biblioteca está situada nas instalacións do National Human Rights Comission

A nosa compañeira María José con Anupama, bibliotecaria deste centro
 
 Unha sección da biblioteca a constitúe a producción editorial en lingua inglesa que recolle contidos Nepal. Outra diferenciada é a literatura en lingua nepalesa. Nesta última, hai tamén unha sección de libros escritos na lingua newar.

Unha das seccións máis senlleiras da biblioteca recolle os manuscritos máis antigos. Algúns están escritos en folla de palma, e son anteriores á fabricación do papel

Sección de literatura nepalesa
 
Sala de lectura e catálogos manuais

 Sala infantil da biblioteca, fermosa e acolledora. A sala infantil conta con libros de factura manual feitos por voluntarios procedentes da China 

 A Anupama e mais á dirección da Nepal National Library querémoslles facer chegar o noso afecto dende as Bibliotecas Municipais de Redondela.
Aos nenos e nenas de Chef Nepal, desexámoslles que sigan tendo éxito nos seus estudos e ao pobo de Sunakothi enviámoslles todo o noso agarimo dende este tan lonxano recuncho galego.

Por último, queremos agradecer á ONG Destino Solidario axudarnos a poñernos en contacto con este lugar tan lonxano, e a Chef Nepal pola súa acollida e atención.

फेरी भेटौँला , नमस्कार !---Pheri Bhetaula , Namaskar (*Deica pronto)
धन्यवाद! ---Dhanyabad! (*Grazas!)

Atlántico Diario interesouse por esta historia, e recolleuna na súa sección redondelana do día 15-01-2015.

No hay comentarios: