jueves, 19 de febrero de 2015

Entroidada de contacontos en Chapela

Este luns festexamos en Chapela o Entroido, cun magnífico contacontos protagonizado pola contadora Mª José Martínez.


 
Mª José animounos a todos con historias moi ben contadas, e convidándonos a un xogo teatral que, ao cabo, é moi propio dos tempos de Carnavalada. 

Achegounos contos sobre elefantas ás que non lles gusta o seu aspecto, sobre Pinochos que non atopan o seu nariz, ou sobre cidades suxas e abandonadas que se volven limpas e fermosas: "A cidade das estrelas". E para rematar, un conto moi divertido, o do Rei do país máis pequeno do mundo buscando princesa coa que casar.

Gustounos o contacontos por empregar xeitos diferentes de narrar, entre eles, o de facer participar a rapaces como axudantes da narración, pero sobre todo, o último dos contos, no que todo o público fomos participamos de boa gaña, pois era unha historia moi orixinal e divertida.

Grandes e pequenos se achegaron á biblioteca, e moitos deles levaban simpáticos e fermosos disfraces. Ao rematar, puderon tirar fotos dos seus disfraces no "photocall" que preparamos para a ocasión.

Mercedes, caracterizada de vaqueira serviunos de fotógrafa, e a nosa bibliotecaria deixou de prestar libros* para mesturarse entre os asistentes ao contacontos, transformada nunha vampira... daba un pouco de medo vela, menos mal que os nosos cativos son moi valentes... aínda que algún dos máis cativos se arrechegou un pouco máis ao colo de mamá ou de papá ao tela cerca...

Foi un pracer facer esta festa de contos e de disfraces. Só nos queda darvos as grazas a todos e a todas por vir. Ata a próxima!

*Dámoslle as grazas a Miguel, o noso conserxe, por converterse en bibliotecario por un día e por atender tan ben a biblioteca nesta tarde.

No hay comentarios: