miércoles, 8 de abril de 2015

As cousas do mar ás veces cóntanse na terra

Hai días en que un está esgotado e remata o día sen poder case despegar os pés do chan. Neses días ás veces acontece algo que os transforma totalmente. Iso foi o que lle aconteceu onte á que isto escribe.

Asistir á presentación do libro de Xurxo Souto "Contos do mar de Irlanda" foi unha inxección de enerxía, alegría e descubrimentos. O mellor baremo do evento  foi o comentario de moitos de nós lamentando que moitas máis persoas non disfrutaran do mesmo.
Grazas por facernos viaxar por tantos e tantos mares e por todo, Xurxo! 
«As cousas do mar non se contan na terra», dixo o Machín de Muxía. Galiza é unha pedra chantada no Atlántico e un espazo mariño que abrangue todos os océanos. Quizá un mariñeiro do Berbés non saiba onde queda Fonfría, aló arriba na montaña, mais todos saben de Capetón, Cape Town, na fin de África. Un mariñeiro do Muro non saberá, quizá, de Olelas, na raia de Portugal, mais todos saben de Antuerpe, que é como lle din en galego do mar a Amberes, o gran porto do Norte. Prodixioso saber gremial, absolutamente vedado a terrícolas e terrícolos. Cómpre romper con esta fronteira de silencio. E cómpre principiar a mollarse na auga máis doméstica: o Gran Sol. Caladoiros tan humanizados polos nosos avós que dende hai moitas décadas teñen nome en galego. Embárcate nestas palabras. Alén do paralelo 48º N, o Mar das Galiñas, a Cona da Vella, a Ferradura agardan. Está subindo a marea, ti non quedes varado en seco.


Publicar un comentario