viernes, 24 de julio de 2015

Agasalla un carnet de biblioteca!

Por que non facer un agasallo orixinal? Pensando no próximo aniversario da súa avoa, á que lle gusta moito ler, Anxo, Nico e mais Lía argallaron achegarse á biblioteca de Chapela para facerlle o carnet de socia. Só tiveron que cubrir a ficha de inscrición (coa axuda da súa nai) e mais achegar os seus datos. 

Hoxe viñeron recoller o carnet da homenaxeada, que se lles entregou acompañado pola bolsa da Coca Simona, que reciben todos os novos lectores das nosas bibliotecas municipais. A biblioteca tamén quere felicitar a esta usuaria polo próximo aniversario, así que tamén lle entrega un pequeno obsequio literario (dentro da bolsa).
O importante é que estes rapaces nos deron unha idea ás bibliotecas que nunca se nos ocorrera. Por que non facer carnets de biblioteca como agasallo? Un regalo funcional, práctico e imperecedoiro, do que seguro que os obsequiados quedan moi pero que moi contentos. Ademáis, queremos con eles lembrarlles aos maiores que as bibliotecas son un espazo para todos os públicos e todas as idades. Propoñemos a todos os rapaces da biblioteca a que animen aos seus avós e avoas a visitarnos. Claro que sí!

Parabéns Mª Carmen polo aniversario! e parabéns Anxo, Nico e Lía pola gran idea! :-)
Publicar un comentario