miércoles, 4 de noviembre de 2015

Temos moito conto!, mostra bibliográfica

As Bibliotecas Municipais de Redondela renden homenaxe a Alicia no País das Marabillas, ao escritor Luís Coloma e ao editor Saturnino Calleja a través dunha pequena mostra bibliográfica

Cando se cumpren 150 anos da edición de Alicia  no País das Marabillas e  o centenario das mortes do escritor Luís Coloma, autor do conto do Rato Pérez e  de Saturnino Calleja, editor dos coñecidos como Contos de Calleja, as bibliotecas municipais de Redondela,  dedican unha mostra bibliográfica aos mesmos, baixo o slogan "Temos moito conto".



A mostra bibliográfica permanecerá na sala de adultos da Biblioteca Municipal do 4 ao 30 de novembro (Alicia no País das Marabillas) e do 2 ao 30 de decembro (Rato Pérez e contos de Calleja) e na Axencia Municipal de Lectura de Chapela do 2 ao 30 de decembro ( Alicia no País das Marabillas) e do 4 ao 29 de xaneiro ( Rato Pérez e contos de Calleja)

"Temos moito conto" reune varias publicacións que reflicten por unha banda a evolución nas edicións da  obra de Lewis Carroll,  comezando pola do ano 1957 editada pola editorial Juventud con ilustracións da barcelonesa Lola Anglada e  algunhas das publicacións facsímiles editadas por José J. de Olañeta da editorial Olañeta dos contos de Calleja e varios libros e merchandising sobre o entrañable personaxe do Rato Pérez, algúns deles doados por a Casa Museo del  Ratón Pérez en Madrid.


O Ratiño Pérez é un personaxe moi popular entre os nenos españois e hispanoamericanos. A súa introdución no mundo infantil débese a unha historia produto da imaxinación do xesuíta Luis Coloma (o autor de Pequeñeces, Jeromín e outras pezas). Desde Palacio, no ano 1894, pediron ao pai Coloma que escribise un conto cando a Alfonso XIII, que entón tiña 8 anos, caéuselle un dente.


A editorial Calleja, fundada por Saturnino Calleja, transformou non só os libros infantís, senón tamén os textos escolares e os libros pedagóxicos para profesores seguindo unha máxima: "ensinar divertindo". Innovou en contidos, materiais e procedementos didácticos, deu unha gran importancia ás ilustracións dos libros e combinou grandes tiradas con escasa marxe de beneficio, estendendo, desta maneira, os libros a un maior número de persoas. 


No hay comentarios: