jueves, 25 de febrero de 2016

"Illas e libros", o próximo parladoiro da Asociación de Amigos das Bibliotecas falará en Chapela sobre Cabo Verde

O vindeiro venres 4 de Marzo teremos unha actividade moi especial no Multiúsos de Chapela.

Dentro do ciclo de encontros que está a ofrecer a Asociación de Amigos das Bibliotecas Municipais de Redondela, a nosa compañeira Mª José relatará que foi da súa experiencia como bibliotecaria e como viaxeira en Cabo Verde.

Mª José participou nese país dentro do programa "Vacacións con Traballo" do Fondo Galego de Cooperación.

Algúns pudemos seguila a través do blog do programa Vacacións con Traballo, ou a través dalgúns dos resumos ou novas que vos iamos achegando aquí neste blog sobre as súas actividades.

A nosa bibliotecaria falará sobre o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, así como sobre o programa de Vacacións con Traballo, pero tamén de como é Cabo Verde, sen esquecer amosarnos a realidade sobre bibliotecas e libros na illa... e moitas cousas máis que vaian xurdindo.

O parladoiro convida a todos os participantes a falar e intercambiar impresións a través da lectura dun texto. Desta vez, a proposta lectora provén do escritor actual máis internacional de Cabo Verde: Germano Almeida, a través de dous capítulos de novelas súas moi coñecidas:
  • "As memórias de um Espírito"
  • "Historias de dentro de casa"   
Podedes acceder a estes textos solicitándoos na biblioteca, ou ben enviando un correo electrónico á Asociación de Amigos das Bibliotecas de Redondela: amigosbibliotecasredondela@gmail.com

A cita para o parladoiro será o Venres 4 de Marzo ás 20:30 h.

Acompañará a actividade a exposición "Galicia - Cabo Verde: unha irmandade", proxecto fotográfico promovido polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade e levado a cabo polo fotógrafo Rober Amado no arquipélago caboverdiano.

AVISO: Debido á realización da actividade, a biblioteca pechará ese día ás 20:00 h. 

No hay comentarios: