Dende mañá, xoves 3 de Marzo, e ata o último día deste mes poderedes visitar a exposición "Galicia - Cabo Verde, unha irmandade" no Multiúsos de Chapela.
Rober Amado, como gañador do concurso convogado polo Fondo Galego de Cooperación “Imaxes con Fondo, 2012”, emprendeu en outubro de 2013 unha viaxe dun mes por Cabo Verde. Alí visitou 6 das 10 illas que compoñen o arquipélago, coñecendo os principais proxectos apoiados polo Fondo Galego, nos 11 anos de cooperación deste coa Asociación Nacional de Municipios de Cabo Verde.
Como resultado deste percorrido nos achega unha serie de fotografías con escenas da vida diaria das persoas que se viron beneficiadas polos proxectos apoiados polo Fondo Galego, e que no seu conxunto nos achegan a realidade do país africano.
Rober Amado (Ferrol, 1985), é Licenciado en Psicoloxía e ten un Máster en Cooperación Internacional e outro en Reporteirismo. É fotógrafo e redactor multidisciplinar, tendo colaborado con diversos medios estatais como El País, La Vanguardia, La Voz de Galicia, El Temps ou Periodismo Humano. Un ano despois de gañar Imaxes con Fondo, no 2013 gañou o premio TIFLOS da ONCE na categoría ‘xornalismo dixital’.
A exposición poderá visitarse na Sala de Exposicións do Multiúsos de Chapela, dende o 3 ata o 31 de Marzo.
O horario será de luns a venres,de 16:30 a 22:00 h.
Ademáis a exposición, organizada polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade complementa o coloquio que dará Mª José Villar este venres, e onde nos relatará as súas experiencias nas illas caboverdianas, a raíz da súa participación no programa Vacacións con Traballo. A Asociación de Amigos das Bibliotecas Municipais de Redondela xunto coas bibliotecas municipais, propón e organiza esta actividade.
Agardámosvos a todos!
No hay comentarios:
Publicar un comentario