martes, 8 de marzo de 2016

"Illas e Libros" achegámonos a Cabo Verde e ás súas bibliotecas coa Asociación de Amigos das Bibliotecas e con María José

A música, as imaxes e as historias narradas pola nosa compañeira Mª José Villar este pasado venres no Multiúsos de Chapela, trouxéronnos toda unha evocación das lonxanas terras de Cabo Verde: o seu calor, sabor color e sensualidade.

 A nosa bibliotecaria de Chapela foi a convidada deste trimestre nos coloquios organizados pola Asociación de Amigos das Bibliotecas Municipais de Redondela, que nesta ocasión se centraban na experiencia de cooperación que viviu a nosa bibliotecaria viaxeira no continente africano.

Mª José participou na pasada convocatoria do programa "Vacacións con Traballo" do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, gozando dunha estadía para a axuda, formación e intercambio de coñecementos na biblioteca do caboverdiano concello de Santa Cruz. 

As experiencias deste intenso mes de traballo foron contadas no Blog deste proxecto, mais este venres nolas achegou a todos os presentes, dun xeito emotivo e evocador. Contamos ademáis con Roberto Mansilla, do Fondo Galego, que nos informou sobre o traballo de esta institución e dos seus proxectos arredor do mundo, e deixamos tempo para as preguntas e comentarios dos asistentes, que tamén gozaron da música e os bailes de Cabo Verde.

Agradecemos moito á Asociación de Amigos das Bibliotecas Municipais de Redondela por propoñer esta actividade. Tamén ao Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade por, a través desta convocatoria, permitirnos ás bibliotecas municipais de Redondela estar máis preto dos colegas do outro cabo do mundo. Toda unha experiencia!

E para os que vos perdestes este momento, podedes vivilo todo neste vídeo.


O coloquio tivo lugar na Sala de exposicións do Multiúsos de Chapela, onde durante este mes de marzo podedes visitar a exposición fotográfica "Galicia - Cabo Verde, unha irmandade", organizada tamén polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade e que se inaugurou o pasado 3 de marzo.
 
Faro de Vigo recolle aquí a inauguración. 

Deica a próxima xuntanza!

No hay comentarios: