martes, 13 de diciembre de 2016

Arthur Rackham, o pintor de fadas

A Exposición bibliográfica "O libro ilustrado: imaxes que contan" organizada pola Fundación Filomena Rivero Alonso e as Bibliotecas Municipais de Redondela,remata  o seu percorrido polos grandes nomes da ilustración,co británico Arthur Rackham, un dos grandes mestres da historia desta disciplina,  cuxa influencia chega ata os mellores ilustradores dos nosos días
A mostra estenderase ata o 10 de febreiro de 2017

 O libro ilustrado imaxes que contan foi gañador dun dos premios María Moliner e un do grupo dos mellor  valorados pola Comisión de Evaluación do devandito premio, a través do cal se premian os mellores proxectos ou actividades de dinamización lectora desenvolvidas nas bibliotecas.


"Arthur Rackham (Londres, 1867 - Limpsfield (Surrey), 1939) é, sen ningunha dúbida, o artista británico máis recoñecido cando se pensa en ilustración de contos infantís clásicos. Desde comezos do século XX, varias xeracións de nenas e nenos medraron coas súas fermosas imaxes.
Logo de acabar os seus estudos na City of London School, comezou a traballar nunha oficina de seguros, pero o seu interese pola ilustración levouno a compaxinar as súas obrigas laborais con estudos de arte. Para iso, asistía a clases nocturnas na Lambeth School of Art, onde coincidiu co destacado pintor de paisaxes victorianas William Llewellyn. Foi á idade de vinte anos cando comezou a colaborar en “Scraps” e “Chums”, dúas prestixiosas revistas da época, e cando a recente fama adquirida permitiulle abandonar a axencia de seguros para traballar como ilustrador profesional.


A súa primeira gran obra foi “Rip Van Winkle” (1905), de Washington Irving, onde as súas imaxes lucían cun colorido e definición notables grazas a un novo avance tecnolóxico que permitía a separación de cores ao imprimir. A editorial Heinemann, dirixida por Charles Seddon Evans, foi a que impulsou a súa carreira ao encargarlle unha nova colección de libros de luxo: edicións limitadas, numeradas, impresas en papel feito a man e asinadas polo propio ilustrador. A Gran Guerra impediu o desenvolvemento deste novo modelo, pero Rackham, que xa lograra renome internacional, decidiu cruzar o Atlántico para colaborar coa emerxente industria editorial de Estados Unidos.

Elixido membro da Real Sociedade da Acuarela, converteuse en mestre do Gremio de Traballadores da arte, e seguiu ilustrando libros até a súa morte, en 1939. Entre as súas obras, destacan Peter Pan nos xardíns de Kensington (1906), Alicia no país das marabillas (1907) e a súa última obra, publicada postumamente: O vento nos salgueiros (1940). En 1911 a Société Nationale deas Beaux-Arts celebrou en París unha exposición especial cos seus debuxos, e concedeulle unha medalla de ouro."
(Texto traducido ao galego e retrato tomados da web de “Libros del Zorro Rojo”)
    

No hay comentarios: