miércoles, 18 de enero de 2017

David Faro e os Amigos das Bibliotecas achégannos as orixes da identidade europea



Un alambique. Ese foi o instrumento secreto co que o profesor David Faro iluminou aos asistentes ao debate sobre Os alicerces da identidade europea, auspiciado pola Asociación de Amigos das Bibliotecas que así comezaba a súa programación de adultos deste ano. Un alambique co que destilar 7500 anos de historia e ofrecer o licor suave do coñecemento.

  Acompañado polas reflexións de George Steiner, David conduciu á audiencia aos cafés austriacos do século XIX para indagar sobre o xerme de Europa, o que Borges chamaría "a estraña resolución de ser razoables" e transformar a mera xeografía nunha comunidade de pareceres ao redor dun mesmo sentimento unitario.
Nun segundo eixo, asistido por grandes fitos da arte, desde Rafael a Bacon, pasando por Hopper ou Usikova, o relator percorreu diversos estados culturais os cales, nun intento de explicar o mundo e as súas circunstancias, crearon a súa propia mitoloxía. E é que, recalcou David, parece inevitable que cada época requira do seu mito, en tanto que un relato compartido e accesible, para construír o sentimento de identidade, por máis que, como Adonis lémbranos, debería ser unha creación e non unha adquisición herdada.

Por último, o historiador ofreceu os seus propios vaticinios, quizá non de todo positivos, pero xunto ao anuncio da epidemia incluíu a vacina; ante ao futuro incerto, xorde a necesidade de recorrer aos libros e a cultura, non para fabricar un muro fronte ao porvir senón unha atalaia desde onde contemplalo.

Tras do relatorio, xerouse un animado debate, no que se reflexionou sobre os efectos da tecnoloxía e se ponderaron os retos actuais como unha gran aventura. 

Sen dúbida, unha noite histórica para todos.

Velaquí un vídeo coa actividade:

No hay comentarios: