martes, 2 de mayo de 2017

Lectura na Rúa


Catrocentos trinta e un alumnos do CEP Santa Mariña e o EEI A Marisma de Redondela, de entre 5 e 12 anos, reuniranse ao longo do Paseo da Xunqueira o xoves 4 de maio para ler e compartir lecturas e convidar de paso a todos os que circulen polas inmediacións a que se unan a eles nesta actividade. Con este fin dispoñeranse uns expositores con lecturas variadas, entre as que non faltarán as obras de Carlos Casares a quen se lle dedica o Día das Letras Galegas, para que todos os que o desexen poidan dedicar uns instantes para gozar da lectura dentro desta especial iniciativa.
Así mesmo, os participantes recibirán a visita da Coca Simona, disposta a participar destas lecturas conxuntas, que repartirá marcapáxinas conmemorativos do centenario de Gloria Fuertes cedidos pola editorial Susaeta.
 Ademais, os nenos e nenas intercambiarán marcapáxinas, que foron elaborados por eles mesmos, e recibirán unha chapa conmemorativa do evento.
A continuación das actividades no exterior, o alumnado entrará no auditorio do Multiusos para asistir a diversas actuacións entre as que destaca a de Paco Barreiro e así mesmo outras  dos propios nenos de infantil e primaria de ámbolos dous coles.
Lectura na Rúa, que se desenvolverá de 10:00 a 13:30 h., é unha inicativa da biblioteca do CEP Santa Mariña que conta coa colaboración do EEI A Marisma e as Bibliotecas Municipais de Redondela
Publicar un comentario