jueves, 29 de junio de 2017

Despedimos o club de lectura cunha visita ao Museo do Mar

Club infantil de Lectura. Excursión ao Museo do Mar de Galicia.
Preme na imaxe para ver as fotografías
Chega o mes de xuño e as altas temperaturas, os rapaces rematan a escola e comeza o período de vacacións. Como todos os anos os clubs de lectura das bibliotecas tamén se acollen ao seu descanso estival. 

Este martes tocou a despedida do club infantil de lectura. Sabemos que nos gusta quedar cun bo recordo destas xornadas de historias compartidas, de debates, competicións, xogos cooperativos, maxia e, este ano, primeiras incursións no mundo youtubeiro.

Así que a despedida do club deste ano, en que xuntamos a un fantástico grupo moi ben conectado coa lectura, queriamos que fora emocionante, e a visita dun museo pareceunos un excelente complemento para moitas das cousas que aprendemos durante este curso lector.
Nenos e adultos acompañantes preparados para entrar en acción
Os membros do club, acompañados dalgúns dos seus familiares, acudiron ao Museo do Mar de Galicia, e con eles, por suposto, Leo, a coordinadora do club, e mais o persoal da biblioteca municipal.


Coñecendo, co noso guía, os sistemas de mergullo.
Ao fondo, unha fotografía dunha das expedicións que se fixeron aos pecios de Rande nos anos 50

No museo participamos no obradoiro Viaxe ao mundo submarino, no que coñecemos máis por miúdo a a evolución histórica dos mergullos no mar por parte dos humanos, dende unha aventura perigosa e case suicida ata un deporte moi desenvolvido como é hoxe. A través de diferentes inventos e a mellora de tecnoloxía e de equipamentos, o ser humano acadou facer submarinismo dun xeito cada vez máis seguro e eficiente.


O submarino de Sanjurjo Badía
Pero o máis divertido e emocionante da visita foi, sen dúbida, o acuario. Alí a maxestosa quenlla cazón branco, a voraz robaliza os rodaballos agochados no fondo foron os animáis que máis nos gustaron. Ao tempo, pudemos ver un ovo de quenlla e apreciar ao feto desenvolvéndose dentro, sorprendernos cos peixes pipa e admirar o cabaliño de mar. Son os habitantes máis delicados do acuario!


 Quenlla e cabaliño de mar, no acuario do museo

Finalizamos a visita percorrendo outras salas do museo, con diferentes temáticas, como a relación da costa galega cos recursos mariños e a evolución dos métodos de pesca e comercialización do peixe.

Trala visita, pudemos gozar do noso intre de lecer e despedida. Compartimos unha rica merenda, e os rapaces recolleron cunchas nos areais contiguos ao museo. Dábanos pena pero tocaba marchar... 

Unha rica merenda para rematar a mañá
O club fai aquí unha pausa de ben merecido descanso, pero volverá de novo en outono, con máis libros e máis actividades sobre a nosa afección común, a lectura.
Ata o curso que vén!
Atlántico Diario publicou unha pequena nota sobre a nosa excursión o sábado 8 de xuño:

No hay comentarios: