viernes, 6 de octubre de 2017

Unha pequena biblioteca vai agromando... en COGAMI

Que nova tan ilusionante!
Como todas as tardes no centro mosense de COGAMI, esta lectora acude ao seu rincón favorito para gozar dos libros


Estes días chegounos a noticia de que COGAMI ven de preparar un rincón de lectura nas súas instalacións de Mos, e tamén que os seus usuarios están a tirarlle un moi bo partido.

Orgullosos e ledos recibimos esta nova, por saber da nosa modesta pero importante contribución neste ilusionante proxecto.

Os usuarios deste centro de atención visitaron a Biblioteca de Chapela no mes de Maio, onde recibiron información sobre como funcionan as bibliotecas públicas, as súas funcións e os servizos que proporcionan a todas as persoas. Falamos de libros e de literatura e achegámoslles algúns dos nosos álbumes ilustrados favoritos para adultos, que lemos xuntos durante a visita.

Usuarios/as de COGAMI na súa visita á Biblioteca de Chapela
As Bibliotecas Municipais fixemos entrega a COGAMI dalgúns libros que vimos de recibir como doazóns nos últimos meses e dos que non precisamos, por ter xa repetidos, pero que serán de moita utilidade para o centro.

Aledámonos de que a visita deste colectivo ás nosas instalacións sexa o fío de enlace con esta biblioteca agromante, e agardamos futuras oportunidades para cooperar con eles no que lles guste.

Grazas por compartir a vosa ilusión con nós! 

No hay comentarios: