viernes, 30 de marzo de 2018

2 de abril: Día do Libro Infantil e Xuvenil

Desde 1967, o 2 de abril, coincidindo coa data do nacemento do escritor danés Hans Christian Andersen, o IBBY promove a celebración do Día Internacional do Libro Infantil co fin de promocionar os bos libros infantís e xuvenís e a lectura entre os máis novos.

Cada ano unha Sección Nacional ten a oportunidade de ser a patrocinadora internacional do Día do Libro Infantil. Esa Sección elixe un tema e selecciona a un autor ou autora importante do país e a un ilustrador ou ilustradora, co fin de que escriban unha mensaxe e realicen un cartel para promover a literatura infantil e xuvenil.

Este ano é a sección de Letonia a encargada de tal cometido. Dende ela achégannos o cartel e mais o manifesto que podedes ver a continuación: 


DIA INTERNACIONAL DO LIBRO INFANTIL 2018


Os libros fan grande o máis pequeno

   As persoas tenden ao ritmo e á regularidade, do mesmo xeito que a enerxía magnética organiza as lascas de metal nun experimento de física, do mesmo xeito que unha folerpa crea cristais a partir de auga. Xa sexa nun conto de fadas ou nun poema, ás nenas e aos nenos gústalles a repetición, os refráns e os motivos universais porque poden recoñecerse unha e outra vez; danlle regularidade a un texto. O mundo adquire unha orde preciosa. 

  Aínda me lembro cando de nena loitaba comigo mesma por defender a xustiza e a simetría, a igualdade de dereitos para a esquerda e a dereita: se tamborilaba cos dedos unha melodía sobre a mesa, contaba cantas veces debía golpear con cada dedo para que os demais non se sentisen ofendidos. Adoitaba aplaudir dando unha palmada coa man dereita sobre a esquerda, pero pensei que iso non era xusto e aprendín a facelo ao contrario, coa esquerda sobre a dereita. Por suposto, este afán instintivo de equilibrio resulta gracioso, pero o que mostra é a necesidade de evitar que o mundo chegase a ser asimétrico. Tiña a sensación de ser a única responsable de todo o seu equilibrio.

   A inclinación das nenas e os nenos cara aos poemas e ás historias xorde, do mesmo modo, da súa necesidade de levar regularidade ao caos do mundo. Dende a indeterminación todo tende cara a unha orde. As cancións infantís, as cancións populares, os xogos, os contos de fadas, a poesía... son formas de existencia ritmicamente organizadas que axudan aos máis pequenos a estruturar a súa presenza no gran caos. Crean a conciencia instintiva de que a orde no mundo é posible e que todas as persoas teñen un sitio único nel. Todo flúe cara a este obxectivo: a organización rítmica do texto, as series de letras e o deseño da páxina, a impresión do libro como un todo ben estruturado. A grandeza revélase no máis pequeno e dámoslle forma nos libros infantís incluso cando non estamos pensando en Deus ou nos fractais. Un libro infantil é unha forza milagrosa que promove o enorme desexo dos pequenos e a súa capacidade de ser. Promove a súa coraxe para vivir.

   Nun libro, os pequenos sempre son grandes, de forma instantánea, e non só cando chegan a adultos. Un libro é un misterio no que se encontra algo que non se buscaba ou que non estaba ao alcance de ninguén. O que non poden comprender as lectoras e os lectores dunha certa idade permanece na súa conciencia como unha pegada e continúa actuando aínda cando non o entendan completamente. Un libro ilustrado pode funcionar como un cofre do tesouro de sabedoría e cultura incluso para os adultos, do mesmo xeito que as nenas e os nenos poden ler un libro destinado a adultos e atopar a súa propia historia, un indicio sobre as súas vidas incipientes. O contexto cultural modela as persoas, establecendo as bases para as impresións que chegarán no futuro, así como para as experiencias máis difíciles ás que terán que sobrevivir sen perder a súa integridade.

   Un libro infantil representa o respecto pola grandeza do máis pequeno. Representa un mundo que se crea de novo unha e outra vez, unha seriedade lúdica e preciosa sen a que todo, incluída a literatura infantil, é simplemente un traballo moi pesado e baleiro.

Escrito por Inese Zandere
Traducido por Ana Luna e Antía Marante
Ilustrado por Reinis Pētersons

--------------------

As Bibliotecas municipais de Redondela sumámonos a esta celebración cunha serie de actividades, entre as que destacamos os nosos:



- O 2 de abrilDía Internacional do Libro Infantilterá lugar na  Biblioteca P. M. Valle-Inclán de Redondela  o contacontos, para nen@s desde os 4 anos, "IMOS BUSCAR..." (Baseado no texto "Imos cazar un oso" de Michael Rosen.)
Será ás 18:30 h., na Sala Infantil da biblioteca con entrada libre e de balde.

- O 23 de abril, Día Internacional do Libro, terá lugar na  Biblioteca de Chapela o contacontos, para nen@s desde os 4 anos, "UN CONTO CON MOITO CONTO" (Baseado no texto "O agasallo perdido do pai Nadal" de Marc Donat.
Será ás 18:30 h., na biblioteca de Chapela, con entrada libre e de balde.



No hay comentarios: