domingo, 3 de junio de 2018

Un encontro sen incerteza

"Principio de incerteza" fala de conexións, da necesidade do encontro entre as persoas. Creo que isto mesmo define á reunión que tivo lugar o pasado venres na Casa da Cultura de Redondela, coa autora desta premiada novela.


Foi, unha vez máis, a demostración de como calquera creación literaria, artística, etc,  enriquécese, revélase, cando o creador e os receptores da obra congréganse aredeor da mesma.

E...cantas cousas pode conter unha novela curta! 

O núcleo de "Principio de incerteza", como xa indicamos, é  o encontro , a conexión, dun modo particular entre unha profesora que se pasa a vida fuxindo e un dos seus alumnos, pero tamén é unha novela que, en palabras da súa autora, desexa visibilizar o tema dos abusos sexuais en nenos e novos; e todo isto cunha preciosa escrita, cun xeito de contar sensible e delicado.
Que dicir de Pilar Ortega, ademáis de magnífica escritora é unha muller encantadora que demostra que se pode ser de ciencias e amar a escritura e a lectura, rompendo así un absurdo estereotipo.

 Os que nos reunimos esa tarde pasámolo de marabilla pero, do mesmo xeito que rematamos a  novela con ganas de máis, a velada fíxosenos curta e suxerimos á autora reunirnos de novo nunha sesión de club de lectura.

Non quero terminar esta entrada sen facer referencia á presentación de Olga Rodríguez Puga, amiga da infancia da escritora, que realizou unha semblanza da mesma chea de calidez e que nos fixo sorrir con algunhas anécdotas como aquela na que recoñece que se, a día de hoxe, escribe sen faltas de ortografía débello á nai de Pilar, a súa profesora durante algún tempo.
Moitas grazas ás dúas e á Asociación de Amigos das Bibliotecas Municipais de Redondela polo espléndido agasallo que supón esta presentación.

 Ata sempre, Pilar!

 Esta actividade estivo organizada pola Asociación de Amigos das Bibliotecas Municipais de Redondela coa colaboración das mesmas

No hay comentarios: