viernes, 29 de marzo de 2019

O Principiño ao redor do mundo. A colección de Carlos Casares

Desde o 29 de marzo ao 25 de abril a exposición O Principiño ao redor do mundo. A colección de Carlos Casares” poderá visitarse na Sala de Exposicións II do Multiusos da Xunqueira.

 

A mostra consta de máis de 100 exemplares en diversas linguas do mundo, así como outro material expositivo sobre Carlos Casares.


Miguel Valverde, secretario técnico da Fundación Carlos Casares, flanqueado pola concelleira de Cultura e a bibliotecaria das Bibliotecas Municipais de Redondela

Inicialmente a exposición sobre a colección da obra O Principiño estaba incluída na exposición de maior tamaño titulada “Os mundos de Carlos Casares”. A súa magnitude e importancia supuxeron a súa separación noutra chamada “O Principiño ao redor do mundo. A colección de Carlos Casares”. 



Pica aqui para acceder ao díptico

  
 Esta exposición forma parte da colección privada do escritor que, dende principios dos anos 70, comezou a traducir a mencionada obra ao galego para a editorial Galaxia. A súa afección polo libro de Antoine de Saint-Exupéry moveuno a coleccionar O Principiño en todas as linguas do mundo. No momento da súa morte, Carlos Casares tiña na súa colección máis de 100 volumes de distintas edicións de Le petit Prince en linguas xermánicas, eslavas, románicas, escandinavas e mesmo orientais. Ademais de contar coa obra nas linguas da Península Ibérica (galego, portugués, castelán, vasco e catalán) tiña tamén obras en aragonés, asturiano ou estremeño. A colección recolle tamén edicións únicas ou raras de linguas minoritarias, algunhas de mediados dos 70.



O Principiño arredor do mundo. A colección de Carlos Casares” é unha exposición didáctica para público miúdo e adulto. Recolle máis de 100 edicións do libro de Saint-Exupéry, en máis de 60 idiomas e dialectos do mundo. Así mesmo, a exposición consta tamén de 4 paneis informativos de 2,20 m de alto e 1 tótem introdutorio. Os paneis céntranse na biografía do autor, nunha descrición e análise da novela, da experiencia vital de Carlos Casares e da súa obra infantil.


Organiza, Bibliotecas Públicas Municipais de Redondela coa colaboración do Servizo de Normalización Lingüística e a Fundación Filomena Rivero Alonso

Na fotografía, Miguel Valverde, secretario técnico da Fundación Carlos Casares, flanqueado por Mª Teresa París, concelleira de Cultura e Mª Elena Becerra, bibliotecaria das Bibliotecas Municipais de Redondela

En Radio Redondela

No hay comentarios: